XSG: “Unha sentenza franquista para resucitar ao ditador no cincuentenario da súa morte”

O Partido Popular leva unha década librando unha batalla polo control das altas institucións xudiciais para liberarse dos seus casos de corrupción como afirmaban os seus propios dirixentes “controlándoa pola porta de atrás”.

A xustiza é unha arma contra a esquerda que se utiliza para perseguir, desprestixiar, ameazar e, en definitiva, someter calquera resistencia á un goberno dos herdeiros de Franco en España. A mensaxe é clara: fagan coma nós: non se metan en política, ou acabarán como Álvaro Ortiz, culpable. Culpable porque exerceu as súas funcións, defendeu a honra da fiscalía e o traballo dos fiscais no exercicio da acción penal contra un delincuente confeso que, na súa condición de cidadán particular ten á súa disposición para a súa defensa non só ao Goberno da Comunidade de Madrid senón a toda a cúpula xudicial española.

Estamos acostumados á instrumentalización política dos tribunais e os procesos penais. Abogados cristianos practica o sicofantismo intimidatorio en defensa do nacional-catolicismo; xulgados e tribunais nas mans de xuíces politizados dirixen causas delirantes contra políticos e familiares de políticos socialistas como ameaza, presión psicolóxica e arma electoral. A muller, o irmán do presidente, o fiscal xeral do Estado. Xuízos esperpénticos, instrucións politizadas para obter titulares con sentenzas exprés; cando non fallos exprés sen sentenza para xerar o enésimo titular co que desprestixiar ao último goberno progresista dun gran país europeo.

O alcalde de Estambul, Imamoglu, enfronta 2.000 anos de prisión polo delito de presentarse a unhas eleccións en Turquía. Os gobernos progresistas brasileiros foron desestabilizados por operacións xudiciais, e mesmo Antonio Costa, presidente de Portugal, saíu dun goberno co fundamento dun proceso xudicial sostido en acusacións falsas. Terrorismo de estrado, golpes xudiciais contra a esquerda nun ambiente social no que as sedes do Partido Socialista Obreiro Español sofre atentados todas as semanas en todo o territorio nacional sen que exista ningunha reacción xudicial, dunha violencia que alcanza a todos os socialistas, incluída unha operación da ultradereita para agredir ao presidente do goberno en Valencia. Violencia constante, verbal, física e explosiva, como contra a sede do PSOE en Cantabria, daqueles que botan de menos eses tempos onde a violencia política era unha labor pública oficial.

O Partido Popular e a xudicatura conservadora levan nos xenes as formas e mañas da ditadura, e acaban de amosar que se consideran herdeiros dunha forma moi concreta de controlar as institucións, a vida política e en definitiva, o poder en España. Ninguén pode gobernar salvo nós; e acábano de amasar no cincuentenario da súa morte, con unha declaración política moi clara: o franquismo está vivo e a democracia tiña que ser un teatro, non unha realidade, controlada pola porta de atrás da Sala Segunda do Tribunal Supremo.

Pero aí onde a dereita non ten memoria, a esquerda si: fóra do paréntese autoritario en España, os socialistas estamos convencidos de que unha maioría social quere unha democracia estable e unha xudicatura na cal poder confiar. Os xuíces teñen por misión xulgar, non gobernar. O activismo xudicial que sufrimos ten por misión impedir á esquerda gobernar e ao tempo evitar que ninguén poida xulgar a aqueles que gobernan como se non houbese xulgados e tribunais neste país, porque saben que non son para eles. Por iso se poden permitir dicir e decidir que o Fiscal Xeral do Estado ‘vai para adiante’, e un fraude fiscal contrastado polos técnicos de facenda e confesado irá para atrás -xa adiantamos o titular- porque aquí do que se trata e de que estea todo atado e ben atado.

Non obstante, os socialistas tamén temos memoria do que somos capaces de lograr coa forza da maioría social e dos votos. Terán o poder xudicial, poder mediático, poder económico. Pero os socialistas pelexaremos coas nosas armas, que non son outras que a forza democrática dos votos.

As sentenzas son de obrigado cumprimento, pero non de obrigado asentimento, porque ninguén ten a obriga de aplaudir un uso obsceno, faccionalista,  fascionalista e antixurídico do poder. Sentenciarán, pero non convencerán. A primeira resistencia é intelectual, e os socialistas tamén lembramos, lembramos que resistir é vencer, porque levamos adiante un goberno progresista que amosa cada día a diferenza entre que gobernen uns e outros e que non renderá nin Galicia, nin España nin Europa a unha dereita autoritaria que nos quere levar cincuenta anos atrás.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios