O BNG de Lugo denuncia que o PP comezou o seu goberno “arrincando un símbolo de paz” do Vello Cárcere

O BNG de Lugo condenou este venres que a primeira actuación do PP, poucas horas despois de entrar no goberno municipal a través dunha moción de censura que cualifica de “ilexítima e antidemocrática” e apoiada nunha tránsfuga, fora retirar a bandeira de Palestina do Vello Cárcere.

Rubén Arroxo insistiu en que “o PP non levaba nin 5 horas na alcaldía de Lugo e a primeira medida foi arrincar un símbolo solidario e pola paz”. Hai 2 anos e medio, explica, “puxemos unha bandeira de Palestina nun edificio dedicado á memoria histórica, unha bandeira que reivindicaba a paz e a solidariedade cun pobo que está sendo arrasado”.

O portavoz nacionalista lembrou ademais que a colocación da bandeira se fixo “por acordo de Pleno, nunha decisión na que ningún partido votou en contra”.

Segundo o BNG, a retirada da bandeira evidencia que o novo goberno local “non vén a aportar nada por Lugo, senón a destruír e a impoñer a súa doutrina”, nun xesto que a formación vincula á vontade do PP de reverter iniciativas simbólicas ligadas á defensa da paz e dos dereitos humanos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios