A sétima edición do Luísa Villalta premia oito proxectos pola igualdade

O VII Premio ‘Luísa Villalta’ a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, recibiu este ano 22 solicitudes. Deste total, o xurado seleccionou oito propostas que serán distinguidas nesta sétima edición cunha contía máxima de 12.500 euros. “A edición deste ano confirma que a igualdade está a ser un motor creativo de primeiro nivel”, destaca a deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas.

O xurado, presidido por Agra, estivo formado polos vogais Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, María Victoria Rivadulla Conde e Daniela Ferrández Pérez, actuando como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da institución provincial.

Valoraron especialmente a coherencia metodolóxica, a calidade artística e o forte impacto social das propostas premiadas. “Moitas delas están pensadas para chegar a centros educativos, colectivos feministas, espazos culturais ou comunidades locais, multiplicando así o seu efecto”, salienta Agra.

Estes proxectos “non só visibilizan desigualdades; tamén propoñen ferramentas e relatos novos para combatelas”, enfatiza a deputada. “É especialmente relevante que boa parte das propostas recuperen historias de mulleres que quedaron fóra dos relatos oficiais. Recuperar esas voces é un acto de xustiza e tamén unha forma de educar as xeracións máis novas na memoria democrática e na igualdade”, conclúe.

Os proxectos premiados

— Espontaneadasde Martela Films, S. L. Recibe 12.500 euros. Trátase dun proxecto audiovisual de alta calidade, cun enfoque feminista sólido, rigor histórico e clara vocación educativa e social. A proposta destaca pola profesionalidade do equipo, pola coherencia metodolóxica e pola relevancia cultural e territorial. O equilibrio entre memoria histórica, creación artística e acción pedagóxica convértea nunha das iniciativas máis completas no seu ámbito. O proxecto resulta necesario na tarefa de recuperar e construír unha historia en feminino, ampliando o coñecemento sobre o pasado máis alá de relatos oficiais que excluíron ás mulleres.

— A ditadura é un señor con bigote, de María Montserrat Fajardo Pérez. Recibe 12.467 euros. É un proxecto necesario para divulgar as consecuencias da ditadura desde un enfoque de xénero e contribuír á construción dunha cidadanía democrática. A investigación das causas xudiciais contra mulleres e o estudo da misoxinia estrutural do franquismo converten esta proposta nunha ferramenta única para comprender a raíz histórica do machismo contemporáneo. Destaca pola capacidade para fomentar pensamento crítico na mocidade e contrarrestar discursos antifeministas e antidemocráticos que proliferan nas redes sociais.

— Virando o rosa, de Diana Fajardo Rama. Recibe 12.500 euros. É un proxecto necesario para dar voz en primeira persoa a mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama. Os obxectivos están claramente definidos e a vontade de rachar estereotipos e contribuír ao benestar destes colectivos resulta fundamental. Combina rigor, creatividade e unha perspectiva feminista que lle permite abrir espazos de diálogo e influír positivamente na percepción social da enfermidade e na atención ás pacientes.

— Non precisamos perdoar, de Eugenia Manuela Sanmartín Alonso. Recibe 12.500 euros. Proposta cultural ben fundamentada e necesaria, que recupera un episodio de violencia institucional contra as mulleres e o sitúa no centro da creación escénica contemporánea. A obra articula memoria histórica, crítica feminista e discurso reparador, xerando preguntas sociais relevantes e abrindo espazos de reflexión colectiva.

— Non damos puntada sen fío, de Chiripa Producións, S. L. U. Recibe 12.500 euros. Proxecto audiovisual moi sólido, profesional e profundo, cunha perspectiva feminista que atravesa tanto o contido como o proceso de produción. Destaca pola capacidade para visibilizar o traballo das mulleres en múltiples planos —creativo, técnico, de coidados e de memoria cultural— e pola conexión co tecido teatral galego, coa autoría feminina e coa tradición das modistas.

— En loita. A voz das mulleres na oposición antifranquista, de Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil. Recibe 12.500 euros. É un proxecto maduro, ben fundamentado e socialmente necesario, que achega unha perspectiva feminista á memoria da Transición e visibiliza o papel das mulleres no movemento estudantil galego. Destaca pola solidez metodolóxica, pola coordinación entre entidades culturais e académicas e pola súa vocación de transferencia social mediante o acceso aberto. A aposta pola memoria oral, pola produción audiovisual en galego e pola creación de recursos para públicos diversos convérteo nun instrumento valioso para centros educativos e entidades feministas.

— Saúde, pracer, república e terra en malva, de Feitoría Verde Sociedade Cooperativa Galega. Recibe 12.500 euros. Proxecto necesario para recuperar e divulgar a figura de Lola Ferreiro como referente feminista. O coñecemento do seu traballo a prol da igualdade constitúe unha ferramenta fundamental para fortalecer unha conciencia feminista. A proposta destaca pola metodoloxía rigorosa e afectiva, pola forte raíz comunitaria e pola capacidade de artellar un proceso colectivo que combina arquivo, coidados e acción política.

— Tecelás da terra. Sementes con memoria e futuro, de Tania Merelas Iglesias. Recibe 12.281,50 euros. Trátase dun proxecto altamente coherente e innovador, vinculado á igualdade de xénero desde un enfoque ecofeminista claro e fundamentado. Combina saberes tradicionais, participación cidadá, cultura e coidados nunha proposta sólida que empodera ás mulleres, fortalece redes comunitarias e introduce novas prácticas educativas e culturais nas bibliotecas públicas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios