O proxecto ten como obxectivo xerar solucións dixitais que melloren a sustentabilidade, a accesibilidade e a experiencia do visitante, ao tempo que reforzan a competitividade do sector turístico local.
A Deputación de Ourense vén de formalizar a súa adhesión ao nodo central da Plataforma Intelixente de Destinos (PID), impulsada por SEGITTUR, un fito clave para o proxecto “Ourense Cerca DeTI” e reforza a integración da provincia no ecosistema estatal de plataformas intelixentes de destinos.
A conexión co nodo central permite un avance efectivo cara o intercambio de información e servizos dentro do marco común da PID, impulsando a evolución da plataforma provincial “Hai un Ourense para TI”, en liña cos estándares nacionais de destino turístico intelixente.
O proxecto “Ourense Cerca DeTI”, seleccionado na convocatoria de axudas para destinos da Rede DTI e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia -NextGenerationEU(Compoñente 14)-, conta cun orzamento de 1.327.618,05 euros (IVE incluído). O seu obxectivo xeral é consolidar Ourense como Destino Turístico Intelixente, mediante solucións dixitais que melloren a sustentabilidade, a accesibilidade e a experiencia do visitante, ao tempo que reforzan a competitividade do sector turístico local.
Este paso sitúa Ourense nun nivel superior de conectividade co sistema estatal de destinos intelixentes e reforza a aposta por unha xestión turística máis eficiente, coordinada e baseada en datos.
Integración e servizos comúns
No marco desta adhesión, a Deputación impulsa a integración de módulos e capacidades avanzadas da PID orientadas á gobernabilidade e á prestación de servizos dixitais, entre elas: a xestión do destino e cadros de mando para a toma de decisións baseada en indicadores; axestión semántica de contidos e publicación multicanle; a intelixencia de localizacións e analítica para planificación sostible e mellor distribución de fluxos turísticos; ou servizos orientados ao visitante como asistencia virtual, reservas en liña e enquisas de satisfacción.
Casos de uso estratéxicos para Ourense
O proxecto contempla, ademais, o despregue e integración de casos de uso diferenciais vinculados ao termalismo, o Camiño de Santiago, enoturismo, turismo MICE e á accesibilidade dixital e posta en valor de recursos culturais, incluíndo solucións de visita autónoma a museos.
A adhesión ao nodo central da PID permite a Ourense traballar con estándares e servizos comúns, activar casos de uso adaptados ao territorio e transformar datos en melloras reais para visitantes, concellos e tecido empresarial.
Vindeiros pasos
Tras este fito, o proxecto continuará co despregue progresivo ata xuño de 2026, segundo o calendario previsto. Así, nos vindeiros meses está prevista a presentación pública da plataforma Ourense Cerca DeTI, para trasladar a toda a cadea de valor turística da provincia os beneficios deste proxecto estratéxico.