Tras semanas de intensa presión sindical e negociacións complexas, o SERGAS aceptou esta noite -logo de dez horas de reunión- a totalidade das reivindicacións presentadas.
Os sindicatos CSIF, CCOO e UGT deixan sin efecto as acción previstas en Atención Primaria tras acadar un acordo co SERGAS que recolle todas as reivindicacións presentadas.
Despois dunha longa e complexa negociación co Servizo Galego de Saúde (SERGAS), as organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT anuncian a desconvocatoria da folga de Atención Primaria de Galicia, prevista para o día 26 de novembro.
A decisión chega tras presentar o SERGAS un documento no que acepta a totalidade das demandas sindicais, o que supón unha clara mellora das condicións económicas, organizativas e laborais de todo o persoal de Atención Primaria, reivindicacións que levaban anos pendentes de solución.
Principais melloras acadadas:
• Retirada íntegra das medidas incluídas no documento de 17 de outubro. • Extinción da categoría de FEAP, que se culminará a finais de 2029. • Compromiso para negociar un Plan de Ordenación de Recursos Humanos nun prazo máximo de 6 meses. • Retirada do aplicativo de xornada dos PAC. • Equiparación do valor hora da enfermaría de PAC co persoal das unidades e servizos. • Recoñecemento dos venres como día pre-festivo para o persoal médico de PAC. • Actualización do complemento de manutención a 15 €. • Compensación en días dos festivos que coincidan en sábado. • Consolidación do servizo de transporte (taxi) en Atención Primaria. • Dotación de recursos materiais para centros de saúde e PAC. • Implantación de novas categorías profesionais para reforzar a carteira de servizos de Atención Primaria. • Análise e garantía das ratios profesionais, asegurando o 1:1 entre medicina de familia e enfermaría. • Compromiso dun máximo de 30 asistencias por equipo nos PAC. • Aplicación do pago por TIS (tarxeta individual sanitaria) a todo o persoal de AP. • Análise das cargas de traballo do persoal administrativo para axustalas ás ratios establecidas. • Definición de postos de difícil cobertura e implantación de incentivos asociados. • Convocatoria do concurso específico de Enfermaría Familiar e Comunitaria no primeiro trimestre de 2026. • Retirada de calquera medida relacionada coa homologación do título de Medicina Familiar e Comunitaria. CSIF, CCOO e UGT destacan que este acordo supón un avance histórico para a Atención Primaria galega e pon fin a anos de precarización, falta de recursos e ausencia de planificación real. As melloras permitirán reforzar os equipos, garantir unha mellor organización asistencial e ofrecer unha atención de maior calidade á cidadanía.