O PP de Pol insiste no mal estado das pistas municipais que o alcalde ignora a pesar de ser “un dos máximos problemas dos veciños e veciñas”

Nicole Grueira advirte que “o goberno local non destina nin un euro ao seu arranxo, mentres que si destina millóns para os seus caprichos”.

O PP de Pol lembra “o mal estado no que se atopan os camiños e pistas municipais” e insiste en que “é un dos máximos problemas que teñen os veciños e veciñas de Pol que o alcalde ignora continuamente”. 

A voceira popular, Nicole Grueira, advirte que “o goberno local non destina nin un euro ao seu arranxo, mentres que si destina millóns para os seus caprichos”.

Son innumerables as ocasións nas que os populares lembraron o mal estado das pistas municipais. Recentemente presentaron unha proposta que o alcalde vetou e non permitiu levar ao Pleno. “Nin sequera permitiu que se debatera a proposta para iniciar de forma urxente un plan de reparación e mantemento de todas as pistas en mal estado para devolver a seguridade e a normalidade ás vías municipais”. 

A portavoz explica tamén que “é necesario realizar un mantemento periódico das vías municipais para previr o seu deterioro e garantir unhas condicións axeitadas de circulación ao longo do ano”. 

MALA XESTIÓN ECONÓMICA

“A xestión do alcalde socialista leva ao Concello polo mal camiño”. De feito, “acumula unha débeda de case 5 M€ pola súa mala xestión económica”. Grueira explica, ademais, que “sube impostos aos veciños e veciñas, pero presta menos servizos: non dota ao colexio dun conserxe, non fai ningunha xestión para cambiar a ubicación do Punto de Atención á Infancia a pesar de que o actual non se atopa nas condicións máis axeitadas para os nenos e nenas do noso municipio”.

A portavoz reclama “un cambio de rumbo” á hora de xestionar o Concello “pensando no beneficio de tódolos veciños e veciñas de Pol”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios