Ponteareas: O BNG acusa a Nava Castro de «provocacións» e de incendiar o conflito do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

O BNG denuncia que a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, intensificou o conflito do Servizo de Axuda no Fogar con novas provocacións ás traballadoras e prácticas que a formación cualifica como “violencia institucional” tras dous meses de folga.

O BNG explica que, no Pleno deste martes, oposición e traballadoras do SAF reclamaron que se tratase con prioridade unha moción conxunta que presentaran para rescindir o contrato da empresa concesionaria, responsable de incumprimentos reiterados e da vulneración dos dereitos laborais. “Lonxe de atender unha demanda de urxencia social, Nava Castro negouse a debatela, abandonou o Pleno e blindouno a porta pechada, deixando fóra ás traballadoras para silenciar un conflito laboral gravísimo que precisa dunha resposta inmediata”, denuncia o Bloque.

Tras suspenderse o Pleno, as traballadoras permaneceron pechadas no Concello, esixindo unha solución. Segundo denuncia o BNG, durante a mañá deste mércores foron desaloxadas entre ameazas e presións directas da alcaldesa. O Bloque denuncia que o martes a alcaldesa xa baixara á porta do Concello cunha actitude “macarra, provocadora e absolutamente impropia do cargo, tensionando aínda máis unha situación xa explosiva. En vez de buscar unha saída responsable, Nava Castro dedícase a provocar, fuxir e impoñer pola forza, alimentando un conflito que está destruíndo o servizo e maltratando ás traballadoras”, critica o BNG.

Ademais, o BNG subliña que o goberno de PP, ACIP e IP aproveitou esta situación para aprobar definitivamente o Orzamento de 2026 a porta pechada, como fixeran coa aprobación provisional. O Bloque cualifícao como “un intento descarado de gobernar de forma autoritaria e sen participación mentres o Concello arde en conflito social”.

Ante as acusacións da alcaldesa de “intimidación e actitudes machistas”, o BNG considera inaceptable utilizar a condición de muller como escudo político para desviar a atención e non asumir responsabilidades. “O que estamos vivindo é violencia institucional, exercida desde a alcaldía para esmagar a protesta das traballadoras, silenciar á alternativa de goberno que representa o BNG e evitar asumir responsabilidades”, afirma o Bloque, que lembra que o persoal do SAF leva meses nunha situación “límite, insoportable e totalmente abandonada polo goberno local”.

A formación nacionalista esixe rescindir o contrato coa empresa concesionaria ante os múltiples incumprimentos detectados, así como o cese das prácticas coercitivas e que Nava Castro “deixe de incendiar Ponteareas coa súa soberbia e comece dunha vez a gobernar con respecto, transparencia e humanidade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios