No antigo treito da estrada autonómica PO-542 que discorre polo lugar de Vilafranca (na parroquia de Marcón), existen dous colectores de recollida de residuos separados por 20 metros que se atopan nun incomprensible e inaceptable estado de abandono. Tras máis de dous anos sen recollida e cinco sen desbroces de cunetas, o contorno transformouse nun vertedoiro incontrolado, mentres a maleza e as silveiras das fincas lindeiras invaden o vial.
Esta preocupante situación foi comprobada in situ polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, nunha visita mantida coa Asociación Veciñal de San Miguel de Marcón, na que tamén estiveron presentes o concelleiro Marcos Rey e a parlamentaria autonómica Paloma Castro.



Un vertedoiro a carón do patrimonio e problemas cos vehículos abandonados
Tal e como puido verificar o PSOE pontevedrés, este vello treito viario —convertido nunha sorte de vía de servizo trala creación da rotonda de conexión co barrio da Parda, Montecelo e os nós do Marco e O Pino atrae todo tipo de residuos:
- Acumulación de residuos: Lixo, voluminosos, entullos e electrodomésticos (como colchóns) nun espazo situado a carón de elementos patrimoniais de gran valor, como o rehabilitado Muíño da Pontiña.
- Peligro de incendios e risco sanitario: Presenza de vehículos abandonados («esqueletos de ferruxe e óxido») fronte ao bazar Merkaponte, un problema que os socialistas denuncian que se estendeu por tódalas parroquias de Pontevedra.
- Ameaza eléctrica: A desidia institucional provocou unha expansión descontrolada de maleza que non só fagocita os colectores, senón que ameaza a seguridade dos tendidos eléctricos da zona.
O «pingue-pong» administrativo entre o Concello e a Xunta
A pesar de que a veciñanza xa presentou reclamacións formales acompañadas de reportaxes fotográficas ante ambas administracións, a resposta foi a pasividade:
- O Concello de Pontevedra inadmitiu a solicitude argumentando que a limpeza non é competencia municipal, ao tratarse dunha estrada de titularidade autonómica e uns colectores xestionados pola administración galega.
- A Xunta de Galicia (a través da Axencia Galega de Infraestruturas e a Consellería de Facenda) tampouco tomou cartas no asunto.
Ante esta situación, Iván Puentes foi moi crítico coa falta de actuación de ambas institucións: «Xunta e Concello están a lavar as mans e a ignorar á veciñanza de Marcón. Se a Xunta non quere limpar os colectores, cando menos debería retiralos para evitar o efecto chamada; pola banda do Concello, é evidente que podería facer moito máis coa retirada de vehículos abandonados«.
Accións en marcha: Comisión de Urbanismo e Parlamento Galego
Para tratar de desbloquear esta problemática, os socialistas trasladarán as demandas veciñais a dous niveis institucionais:
- No ámbito municipal: Presentarase o caso este martes na Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra.
- No ámbito autonómico: A deputada socialista Paloma Castro rexistrará unha iniciativa específica no Parlamento Galego para esixir respostas e solucións efectivas á Xunta.