O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno de hoxe. Arroxo anunciou a prórroga de varios contratos que permiten «garantir que prestamos diferentes servizos coa mellor calidade posible».
Hoxe aprobouse a última prórroga do contrato de mantemento de Colexios e Escolas Infantís, un contrato que conta cunha partida orzamentaria de 100.000€ para executar actuacións de mantemento nos 15 colexios e nas 4 escolas infantís municipais. Trátase, segundo explicou Rubén Arroxo, de traballos de mantemento en alicatados, cerralleiría, madeira, cristalería, pintura, mobiliario, etc. O Tenente Alcalde explicou que «nos colexios, os investimentos asúmeos a Xunta e nas escolas infantís van nunha partida aparte», e dixo que este contrato é «para arranxos máis do día a día».
Na área de Cultura, renovouse o contrato de producción e subministración de equipamento técnico para actividades culturais. Trátase da primeira prórroga das catro posibles, e que supón un investimento de 8.462,74€. Este contrato inclúe o material e a producción do Pregón dos Reis Magos e do Entroido, Concursos do Entroido, Entrega de premios do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre “Cidade de Lugo”, Acendido do alumeado de Nadal e Outros eventos de pequeno formato que se programen.
Por último, Arroxo anunciou tres asuntos ligados coa cabalgata de Reis. O primeiro é o inicio do proceso para a subministración de caramelos para a cabalgata, por unha parte os cornetes, os conos de caramelos que se entregan no concello, que sae cunha partida de 3.500 € para repartir 3.000 cornetes. E por outra banda, os caramelos, que son 1.500 kg de caramelos para lanzar durante o percorrido e que sae cun prezo de 5.000 €. O contrato terá un ano de duración e prorrogable ata cinco. Na adxudicación teranse en conta productores que acrediten formar parte da rede de comercio xusto e de produción ecolóxica.
Tamén relacionado coa cabalgata de Reis, prorrógase o contrato de coordinación e rexedora para a cabalgata. Faise a primeira prórroga das catro posibles, coa empresa FDS Cultural SL por 8.040,45 €. Esta coordinación encárgase de toda a coordinación técnica dos espectáculos, das carrozas, do control do reparto dos caramelos e do propio reparto de caramelos, ademais dos preparativos previos, como a colocación de valos, recollida e traslado dos caramelos, sonorización das carrozas, todo o relacionado co protocolo da cabalgata.
Por último, Arroxo anunciou o inicio do proceso de subministración de roscóns de Reis para os participantes da cabalgata, «como todos os anos, para os voluntarios e para as persoas que participan do evento, adquírese 15 roscóns para celebrar a noite de Reis ao rematar a cabalgata», explicou Arroxo. Este contrato ten unha duración dun ano, prorrogable a 5, cun prezo anual de 675 €.
Ante as preguntas dos medios presentes, Rubén Arroxo destacou «o gran traballo que están facendo os traballadores e traballadoras do concello para poñer os contratos ao día cun volume de traballo bastante grande». Arroxo explicou que algúns contratos importantes «están a piques de sair aínda que levan tempo», e afirmou que «os contratos están caducando constantemente e estamos renovándoos tamén constantemente, de feito, en todas as Xuntas de Goberno adoita haber algún contrato que se saca de novo a licitación».