A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende a necesidade dun “gran cambio” en Tomiño, da man dos populares, para “acabar co desgoberno do BNG” neste concello. Así, chama aos tomiñeses á “intensificar esforzos” para lograr ese “plus de confianza nas urnas” que se precisa de cara ao reto das eleccións municipais de 2027.
Así o manifestou durante o Xantar Popular do PP de Tomiño, celebrado no pavillón de Sobrada con máis de 300 asistentes. Na cita, na que exerceu de anfitrioa a presidenta do PP local, Lara Meneses, tamén participaron o presidente do PP provincial de Pontevedra, Luis López, e a responsable da área de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do Goberno galego, María Martínez Allegue.
A número dous dos populares galegos valorou a Lara Meneses como “unha líder valente que entrou en política para mellorar o seu concello, cunha vocación de servizo público que hoxe mantén intacta”. Ademais, puxo en valor o seu traballo a favor da mocidade desde a área de Xuventude do Goberno galego, e a súa implicación para que a Administración autonómica actúe neste concello, pese a “nefasta xestión” do actual Goberno local.
Neste sentido, a secretaria xeral do PPdeG mencionou proxectos destacados nos que o Goberno galego inviste en Tomiño, como o caso da autovía AG-42 Tui-A Guarda. En concreto, no tramo entre Tui e Tomiño, o Goberno de Alfonso Rueda inviste 18 millóns de euros, coa previsión de que estea rematado en 2027.
Tamén mencionou o apoio ás comunidades de usuarios de augas e as futuras sendas Amorín-Currás e Casco urbano-Barrio de Hospital. “Investimentos, ambición e proxectos que son realidades. Iso é o que ofrece o Goberno galego fronte ao Goberno local do BNG, que está totalmente esgotado”, engadiu.
Para Prado, a política útil é a que está “pegada ao territorio” e só a representa “o PPdeG, o partido co que máis se identifican os galegos e galegas”. Sen embargo, a esquerda “ofrece un futuro desolador, no que só caben ruído, conflitividade, pancartas e corrupción”.
Neste punto puxo en valor a alternativa do Partido Popular de Tomiño, que impulsa un novidoso programa participativo para 2027, no que chegar aos 14.000 veciños e veciñas. “O obxectivo é que poidan realizar propostas e achegas que serán incluídas nos compromisos electorais para o mandato 2027-2031”, explicou.
“Queremos seguir sendo a Galicia que goberna fronte á oposición que confronta e perde eleccións”, sinalou Prado. Así, referiuse ás ultimas noticias dos casos de corrupción que asolan ao Goberno de Sánchez, como a recente imputación a José Luis Rodríguez Zapatero ou todo o que envolve ao caso Leire Díez.
Foi crítica cos “socios” do BNG, “cómplices do Goberno máis corrupto da historia de España”, que lle deron o “si” a Sánchez a cambio de “nada para Galicia”. Estes mesmos, dixo “gobernan en Tomiño e intentan bloquear proxectos, porque pensan máis nos seus intereses persoais que nas preocupacións reais dos tomiñeses”.
O CINISMO DO SINDICATO DO BNG
A número dous do PPdeG tamén se referiu durante a súa intervención á concentración do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Tomiño, da man da CIG, ás portas do pavillón no que se celebrou o xantar popular. O sindicato culpa á Xunta da xestión do servizo, un argumento que non se sustenta posto que é un servizo municipal e, na lexislatura de Alfonso Rueda, séguense incrementando os investimentos para o SAF. Prado lembrou que se reforzou o servizo con 150 millóns de euros adicionais ata 2028 e, concretamente, Tomiño sumará ao que xa aporta o Goberno galego máis de 683.000 euros neste servizo, chegando aos 2,3M€ ata 2028.
“Menos mal que xa estamos afeitos ao ruído e ao cinismo da CIG, o sindicato do BNG. Igual deberían cuestionar menos a xestión do Goberno galego e cuestionar máis o traballo da alcaldesa de Tomiño -do BNG-, quen ten privatizado -como lles gusta dicir a eles- o servizo”, lamentou.
LUIS LÓPEZ: “SOMOS A ALTERNATIVA A UN BNG QUE ARRASTRA OS PÉS”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, valorou moi positivamente o traballo do PP de Tomiño, con Lara Meneses á fronte, desde as pasadas eleccións, nas que subiu 11 puntos e case 1.000 votos, ata o día de hoxe, «no que se converteu nunha clara, forte e necesaria alternativa de goberno fronte a un BNG que arrastra os pés e amosa o seu absoluto esgotamento tras case vinte anos no Concello».
«O PP é o futuro de Tomiño e todos queremos que ese futuro chegue canto antes para que Tomiño deixe de perder o tempo e as moitas oportunidades que lle brindamos desde a Deputación e a Xunta», apostilou Luis López, que destacou a política de proximidade de Lara Meneses e dos populares tomiñeses «sempre dispostos a escoitar, entender e atender» aos veciños.
Finalmente, a presidenta do PP local agradeceu o apoio e colaboración que reciben cada día de máis veciños e convidounos a «traballar polo cambio» para que se abra unha nova etapa no Concello na que as prioridades serán a vivenda, o saneamento, o desenvolvemento empresarial centrado principalmente nos sectores hortofrutícola, viveirista e de planta ornamental e a dinamización sociocultural.