Rubén Arroxo: «O Concello gasta máis de 500.000€ ao ano nos comedores escolares»

Á entrada do pleno municipal de novembro, o Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, deu conta dos custes que supuxo o servizo de comedores escolares para o Concello. Arroxo lembrou que este servizo é unha competencia que a Xunta de Galiza ten en exclusiva, máis que non asume, «e que neste ano tiveron un custo para as arcas municipais de 523.723 €», dixo.

«Isto xera unha problemática que é que o concello non pode destinar este medio millón de euros ás súas competencias, como poderían ser a mellora das infraestruturas, a actividade cultural ou a mellora da cidade», dixo Arroxo, que engadiu «a Xunta de Galiza decide non investir en que os nenos teñan comedores escolares e non investir nunha competencia súa».

O Tenente Alcalde esixiu á Xunta de Galiza «que cumpra co seu traballo», e afirmou que «a concellería de Educación non deixará que ningunha nena ou neno de Lugo quede sen comedor escolar aínda que a Xunta non cumpre co seu traballo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios