Inaugurada a exposición “Galicia, unha escola” que conmemora os 50 anos de inicio de actividade da ETSAC

A mostra estará aberta na sala de exposicións de Palexco ata o día 11 de xaneiro.

A sala de exposicións de Palexco acolle desde hoxe ata o vindeiro 11 de xaneiro a mostra titulada “Galicia, unha escola”, unha homenaxe a todos os docentes e estudantado que desde 1975 participaron no ensino, docencia e aprendizaxe da ETSAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. 

A exposición foi inaugurada hoxe polo reitor da UDC, Ricardo Cao, nun acto no que estiveron ademais do director da ETSAC, Miguel Abelleira, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña, Francisco Dinís, antigo alumno da escola; e o delegado do Gobernoen Galicia, Pedro Blanco. 

Comisariada polos arquitectos Felipe Peña e Luis Gil e a arquitecta Mercedes González, recolle obras dun cento de profesionais da arquitectura que, directa ou indirectamente, tiveron parte na formación da escola. Unha proposta quetrae de volta a persoas que participaron dalgún modo no  ensino do centro, egresadas ou non, durante algún período comprendido entre 1975 e 2025 eque destacaron ou o fagan na actualidade nalgunha área de influencia. 

No seu discurso, Cao destacou o gran papel social do centro de ensino. “Unha escola -explicou Cao- que se ten convertido en referente académico e social, abrindo camiños a máis de 5000 profesionais da Arquitectura que co seu talento e paixón contribuíron a mellorar Galicia.” O reitor destacou tamén a celebración deste 50 aniversario que constitúe “o recoñecemento do valor, a formación, a diversidade e a paixón polo saber ao tempo que se renova o compromiso de seguir construíndo futuro desde a inclusión e o respecto para que Galicia siga contando con arquitectura e un paisaxe de calidade ao servizo das persoas.”

En “Galicia, unha escola” atoparemos -tal e como explicaron os comisarios da exposición- deseño, fotografía, urbanismo, crítica e novos medios, “amosando que a formación en a Aquitectura é un eixo dinámico e unha estrutura de pensamento que permite manexar linguaxes capaces de mellorar a nosa sociedade desde ángulos e perspectivas moi diversas”. 

Pola súa banda, o director da ETSAC, Miguel Abelleira, subliñou que a exposición pretende “amosar, recoñecer e valorar a multidisciplinariedade que propicia o paso pola escola de arquitectos e arquitectas que co seu talento teñen contribuído a mellorar Galicia a través do seu traballo en moi diversos campos”. 

Con motivo desta exposición, editouse tamén un libro que recolle todas as obras expostas cunha achega de cada autor ou autora e que constitúe unreflexo da diversidade de talento, en diferentes ámbitos polos que transita a propia mostra, desde a función pública, a fotografía, o urbanismo, a investigación, a industria ou os novos medios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios