Pablo Espiño, elixido presidente de Novas Xeracións do PP de Outeiro de Rei

O candidato foi apoiado polos afiliados no congreso local celebrado este venres coa participación de representantes da formación popular a nivel provincial, comarcal e local.

Pablo Espiño, foi proclamado presidente da agrupación local de Novas Xeracións do Partido Popular de Outeiro de Rei co apoio dos afiliados da formación xuvenil no congreso local celebrado este venres coa participación da presidenta do PP da provincia, Elena Candia, o alcalde do municipio, José Pardo Lombao, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, o presidente de Novas Xeracións da provincia, Miguel Gallego, e outros representantes locais, comarcais e provinciais do Partido Popular.

O presidente electo é veciño de Guillar (Outeiro de Rei), estudante de 23 anos, destacou que “Outeiro de Rei ten moito futuro. É un municipio cunha alta porcentaxe de xente nova que o elixe para desenvolver o seu proxecto de vida” e presentou un equipo “comprometido, preparado e convencido de que o municipio vai polo bo camiño e que está disposto a continuar traballando polo seu futuro”.

O alcalde, José Pardo Lombao, tamén se pronunciou no mesmo sentido: “Outeiro de Rei é un concello con moito futuro porque ten moita xente nova”. O seu crecemento é resultado de anos de traballo e políticas con perspectivas de futuro que permitiron “colocar a Outeiro de Rei á vangarda” e ofrecer “cada día máis servizos para que a xente poida vivir aquí cada día un pouco mellor”. Nese sentido, convida á xente nova a implicarse, tomar responsabilidades pouco a pouco e traballar para a xente, polo futuro de todos. A clave é traballo, traballo e máis traballo”, indicou.


A presidenta do PP da provincia, Elena Candia, subliñou que “Outeiro de Rei é un referente desde fai moitos anos en asuntos tan importantes como conciliación, emprego e solo industrial. Ten un gran presente, pasado e futuro cun goberno do Partido Popular”, pero tamén considera “moi importante reforzar con xente nova o noso proxecto para traballar non só polo municipio, senón pola provincia e por España”. 

Nese sentido, agradeceu a implicación de Pablo Espiño e o seu equipo na política que “é a mellor maneira de traballar polos territorios aos que representamos”. E, especialmente, agora que “a imaxe dos políticos non ten o mellor momento”. Convidou tamén a popular a apoiar ao presidente nacional que, segundo lembrou Candia, “gañou as eleccións e quedou a un puñado de votos de ter a responsabilidade de gobernar”.

A presidenta de Novas Xeracións do PPdeG, Nicole Grueira, subliñou que “NNXX é hoxe a organización xuvenil máis forte de Galicia. E cada día somos máis. Ese crecemento non é casualidade: é o resultado dun proxecto sólido, aberto e ambicioso, que pon en valor o talento novo e que lle dá á mocidade espazo para participar, decidir e liderar”. Así mesmo, incidiu en que “o papel da mocidade na política importa moito” e “este congreso demostra, unha vez máis, que a xuventude confía no Partido Popular de Galicia”.  

O presidente provincial de Novas Xeracións, Miguel Gallego, puxo en valor o crecemento da formación a nivel provincial e destacou, particularmente, “a implicación de Pablo Espiño e o seu equipo no noso proxecto”. Tamén avanzou que continuarán renovando as agrupacións locais e, ao mesmo tempo, desenvolvendo outras actividades.

NOVAS XERACIÓNS DE OUTEIRO DE REI

Pablo Espiño tamén deu a coñecer o resto do comité executivo de Novas Xeracións de Outeiro de Rei integrado por mozos e mozas de entre 20 e 30 anos: Pablo López (secretario xeral), Óscar Mouriz (vicesecretario de Medio Rural), Pablo Rodríguez (vicesecretario de Deportes), José López (vicesecretario de Tecido Asociativo), Alejandra Villaverde (vicesecretaria de Xuventude), Alejandro Fariñas (vicesecretaria de Familia e Conciliación), Hermi Díaz (vogal) e Tania Diaz (vogal).

Comparte éste artículo
No hay comentarios