A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) de Galicia denuncia hoxe a situación “crítica e estruturalmente insostible” da Unidade de Policía Adscrita (UPA), o corpo que exerce funcións autonómicas na comunidade e que opera con apenas 341–350 axentes, moi lonxe dos entre 6.000 e 10.000 que corresponderían a unha policía autonómica plena segundo criterios de poboación e territorio similares aos doutras comunidades como Cataluña ou Euskadi.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, advirte de que Galicia “funciona co 3 % da policía autonómica que realmente precisa”, unha cifra que cualifica de “inadmisible, inxustificable e politicamente irresponsable”. Calo subliña que a situación actual non é froito da casualidade, senón de “anos de desinterese por parte tanto do
Goberno central como da Xunta de Galicia”, aos que acusa de manter un modelo “obsoleto, insuficiente e que deixa a Galicia estruturalmente desprotexida”.
UCIN lembra que o Goberno central non convoca as prazas necesarias para reforzar a unidade adscrita nin autoriza a creación dunha policía autonómica propia, mentres que a Xunta “acepta ano tras ano unha plantilla raquítica, envellecida e sen relevo”, sen impulsar unha reforma profunda nin dotar estrutura nin orzamento para un corpo operativo. Para Calo, esta dinámica xerou “un círculo vicioso que só prexudica ácidadanía”: “O Estado non crea prazas porque a Xunta non esixe unha policía propia, ea Xunta non inviste porque a competencia formal segue nas mans do Estado. Galiciaqueda atrapada entre dúas administracións que se pasan a responsabilidade”.
A pesar do seu tamaño reducido, a UPA asume un catálogo de funcións “desmesurado para a súa capacidade real”, entre elas a protección de vítimas de violencia de xénero, a prevención de incendios forestais, o control do furtivismo, a protección do patrimonio cultural e natural, o apoio ás policías locais, a seguridade en edificios oficiais e a atención a emerxencias. UCIN sinala que moitos destes servizos operan “cun só axente por quenda”, o que, segundo Calo, demostra que “a profesionalidade do corpo contrasta coa indiferencia política cara ás súas necesidades”.
Á falta de persoal súmanse carencias materiais que UCIN cualifica de “alarmantes”. Parte da flota de vehículos supera os 300.000 quilómetros, o equipamento técnico é obsoleto e faltan chalecos e transmisións adecuadas, especialmente en zonas rurais. Certas unidades nin sequera poden cubrir quendas completas, evidenciando, segundo Calo, “un abandono institucional en toda regra”.
UCIN alerta tamén de que a UPA se atopa nun proceso de deterioración acelerado: a plantilla envellece, as xubilacións superan ás incorporacións e diversas sedes alcanzaron mínimos históricos de persoal. “O corpo está a desangrarse mentres as administracións responsables continúan mirando para outro lado”, denuncia o coordinador de UCIN Galicia.
Ante esta situación, UCIN Galicia reclama unha decisión política inmediata e valente. A formación insiste en que Galicia debe escoller entre “impulsar unha policía autonómica propia, moderna e dimensionada ao territorio, ou esixir ao Estado un reforzo profundo e urxente da unidade adscrita”. Calo conclúe que “non é un problema de axentes; é un problema de política. Galicia non pode seguir indefensa pola deixadez de quen debería protexela”.