O PP demanda ao Goberno un plan choque en apoio á industria galega do aluminio que sufre o impacto dos aranceis

O Partido Popular defenderá este martes na Comisión de Industria do Senado unha moción pola que se insta ao Goberno a poñer en marcha medidas específicas de apoio aos sectores máis afectados polos aranceis, como é o caso da industria galega do aluminio.

A iniciativa xorde despois de “constatar o fracaso” do plan sobre aranceis posto en marcha polo Executivo de Pedro Sánchez o pasado mes de abril e convalidado polo Congreso en maio, “que se ten demostrado incapaz de reducir o impacto arancelario nos sectores exportadores”.

Para o senador José Manuel Balseiro o tempo acabou por darlle a razón ao PP que se desmarcou do Real Decreto aprobado polo Goberno e que propuxo outro alternativo, máis ambicioso e eficaz. Por iso a moción demanda a Sánchez que asuma o seu fracaso e rectifique o rumbo incorporando moitas das medidas propostas polo PP e similares ás impulsadas pola Xunta de Galicia, “cun acompañamento efectivo e real a estes sectores impactados polos aranceis”.

Así senador lucense defenderá a necesidade de crear liñas de financiamento e subvencións específicas, así como a promoción de acordos comerciais bilaterais con outros países, para compensar as caídas de exportacións aos Estados Unidos de América.

ALUMINIO GALEGO

En Galicia entorno a 80 empresas galegas do aluminio realizan exportacións ao país norteamericano, e soportan aranceis que poden chegar ata o 25%. Ao redor da industria do aluminio galego existe un amplo conxunto de pequenas e medianas empresas que dependen da produción e exportación deste material, desde provedores de materias primas ata empresas loxísticas. Tamén hai industria de maior tamaño como Cortizo, Axlabesa, Extrugasa ou Alcoa, a única industria de produción de aluminio primario que queda operando no noso país.

O senador lembra que o aluminio galego lanzou recentemente un S.O.S ante a falta de materia prima e o aumento de custes motivados polo impacto que os aranceis están a ter no mercado internacional e nas exportacións e importacións deste metal. O aluminio é unha materia prima considerada estratéxica para a nosa economía, xa que con el se fabrica multitude de bens e produtos presentes no noso día a día (construción, automoción, alimentación, depurado de auga, industria farmacéutica…)

Con todo, a iniciativa popular é moito máis ambiciosa e, aínda que exemplifica co impacto no sector do alumino galego, tamén pide medidas de apoio específico para outro tipo de industria ou sectores que se viron prexudicado pola decisión de Trump de impoñer aranceis aos produtos europeos. Así cita ao sector do viño e outros bens de consumo.

Balseiro remata salientando a curiosa coincidencia entre partidos da dereita populista e da esquerda radical, ambos contrarios ao libre comercio. “No seu día, organizacións tan antagónicas como Vox ou o BNG, acabaron por non mostrar o seu rexeitamento a medidas arancelarias tan negativas como as impulsadas polo actual presidente norteamericano”, conclúe

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios