O novo proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina) propón un disco “feito para bailar” con muiñeiras, xota e rumba; e que se poderá escoitar por vez primeira ao vivo este sábado, día 6, na Foliada da Fonsagrada.
Tona, o proxecto musical liderado por Miguel Cernadas (Terbutalina), lanza este martes, 2 de decembro, ‘Cruseiro’, o seu álbum debut, un EP con cinco temas no que se cruzan melodías tradicionais con blues, pop e rock and roll, todo coa intención de facer bailar. O disco, editado por Tremendo Audiovisual, xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais.
Tona conta con Miguel Cernadas na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo. Precisamente este sábado, 6 de decembro, a partir das 12.00 horas, o público poderá descubrir en directo a música de Tona na 10a Foliada da Fonsagrada.
Para a banda, ‘Cruseiro’ ten “un pouco de todo”. “Ten harmonía, ten melodía e ten retranca”, di Cernadas. “É unha pota na que se funden melodías, ritmos e contos; é o cazo onde cociñamos Tona”, asevera Ageitos. Ao fío, Álvarez alude á “sonoridade singular” do proxecto, que combina melodías tradicionais con blues, pop e rock, e “que alenta os mediodías e seráns de baile”.
Así, ‘Cruseiro’ preséntase, segundo o seu cantante, como unha “apoloxía da aldea, da língua, do noso carácter e da nosa tradición”. Os cinco temas que compoñen o EP (‘Carracho’, ‘O casal’, ‘Rhumba95’, ‘Maio’ e ‘Asubío’ -que se estrea hoxe-) dan boa conta dos ritmos e melodías tradicionais do país -como ‘A saia da Carolina’ que se descubre no tema ‘Maio’-, pezas que convidan a sacar puntos, raros ou non, para non deixar de bailar.
AS CANCIÓNS DE ‘CRUSEIRO’
- ‘Carracho’
A parte instrumental está baseada nunha muiñeira do repertorio d’Os Rosales, grupo mítico de Rianxo. Preséntase como un tema de orientación maioritariamente pop, construído sobre progresións harmónicas simples e directas, que poden lembrar á sonoridade de Do You Remember Rock ’n’ Roll Radio? de The Ramones. - ‘O casal’
Na parte instrumental, o ritmo de muiñeira maniféstase acompañando a unha melodía baseada nunha canción infantil popular do repertorio d’Os Cempés. A base harmónica da composición deriva das estruturas do blues tradicional e das progresións características do primeiro rock ’n’ roll. - ‘Rhumba95’
Rumba galega mesturada con “second line” neorleanés, na parte instrumental, baseada nun tema do repertorio d’Os Rosales (Rianxo). Hai unha clara influencia das baladas doo-wop dos anos 50, especialmente na disposición dos acordes da sección instrumental. - ‘Maio’
A progresión de blues -inspirada na estética harmónica de diversas bandas de rock dos anos 70- funciona como soporte estrutural das coplas, mantendo un diálogo coa liña vocal e incorporando escalas e modos que nos levan a outras tradicións musicais na sección instrumental. Descúbrese a popular A saia da Carolina, mais interpretada nun modo exótico. - ‘Asubío’
Ritmo de xota con estrutura de blues. Máis próxima ao pop e á psicodelia dos anos 60, onde a alternancia entre modos menores e maiores contribúe a reforzar a narrativa interna da peza. A parte instrumental está baseada nunha peza de Florencio López, ‘O cego dos Vilares’.