O pasado 17 de outubro, a Xunta volveu decretar a emerxencia cinexética temporal para cazar xabaríns indiscriminadamente en 254 concellos, que abranguen o 83% da superficie total de Galiza. Para ADEGA trátase dunha medida que xa se amosou ineficaz para controlar a poboación desta especie, e pon de manifesto a improvisación e o desinterese da Xunta por xestionar a fauna salvaxe con criterios científicos.
Mais agora, diante da posible chegada dun novo gromo de peste porcina africana (PPA) a Galiza, a emerxencia cinexética, ademais de infrutuosa para controlar o andazo, podería propiciar outro escenario peor en canto a bioseguridade. A maioría dos case 20.000 xabaríns que se abaten anualmente en Galiza quedan no monte ou non se controla o seu destino, e son moi poucos os que chegan ás salas de despece autorizadas para caza.
Os que fican no monte poden ser comidos pola fauna salvaxe e mesmo por outros xabaríns, auténticas «bombas víricas» que poden contribuir a espallar calquera andazo. Mais tan perigosos como estes xabaríns potencialmente dispersores de epizootias son os propios cazadores.
Os seus desprazamentos coas pezas cazadas, entre lugares, concellos, comarcas e incluso provincias, unicamente cunha comunicación nos 15 días posteriores á morte, fanse case sen control e sen as axeitadas medidas de bioseguridade. Fronte a un gromo de PPA e debido a este tipo de malas prácticas froito do desleixo da Xunta, a propagación do andazo podería volverse incontrolábel.
Moitas das enfermidades que porta a fauna salvaxe, que despois viran nun factor de risco biolóxico, teñen un percorrido de transmisión que comeza nas malas prácticas durante o manexo, transporte, e concentración do gando nas macrogranxas, cunha carga vírica que salta a fauna e desta volve ás granxas, nun ciclo de realimentación. Así resulta moi doado responsabilizar a fauna salvaxe dos contaxios, cando en moitos casos a fonte provén do transporte dos animais e das macrogranxas con altas densidades que padecen malas prácticas de manexo e control zoosanitario.
É probábel que, antes ou despois, a PPA chegue a Galiza, non pola fauna salvaxe, se non, como aconteceu en Catalunya, polos embutidos contaminados dun bocadillo. E cando chegue, ben a través dos alimentos, do transporte de animais vivos dende outras comunidades, nos vehículos dos que van cazar ou veñen dende outras comunidades (moitos máis do que se pensa), saltará a fauna salvaxe e esta continuará a transmision.
Xa que logo, máis que unha emerxencia cinexética fronte ao xabarín precísase un Plano de xestión da poboación, que inclúa protocolos claros de bioseguridade. Estes protocolos deberían ser aprobados con suficiente antelación xa que precisan dunha experiencia práctica na súa aplicación para contrastar a eficacia das medidas e adaptalas ou melloralas.
A emerxencia cinexética da Xunta converteuse nunha trampa e nun factor engadido de risco pola falla das imprescindíbeis medidas de control, pois para os preto de 19.000 xabaríns que se mataron este ano non se estableceu ningún protocolo de bioseguridade. A caza masiva e indiscriminada produciu unha falsa sensación de que xa se está atendendo o problema, relaxando ou demorando a adopción desas medidas de seguridade que deberían aplicarse con moito rigor.
Calquera intervención debería planificarse previamente atendendo a datos fiábeis e criterios científicos e non simplemente limitarse a dar «barra libre» aos cazadores. E finalmente resulta paradoxal que mentres a Xunta segue a delegar a xestión da fauna salvaxe neste colectivo, e teme pola chegada da PPA, persista en exterminar o lobo, predador natural do xabarín.