O PSdeG pide o peche do proxecto de Altri e airear os acordos ocultos da Xunta

A portavoz socialista de Industria, Patricia Iglesias, asegurou hoxe no pleno do Parlamento que se a Xunta non denega definitivamente o proxecto de Altri, “é como metelo na neveira”. “Déanlle carpetazo e desclasifiquen o pacto secreto que asinou un conselleiro”, esixiu durante a defensa dunha iniciativa na que sinalaba que o arquivo do procedemento non resolve a cuestión de fondo nin impide que o proxecto poida ser reformulado e volverse tramitar no futuro.

A través da devandita iniciativa demandou tamén a denegación a Altri da concesión de augas pendente de autorización e da declaración ambiental estratéxica, así como que se garanta o mantemento da protección ambiental da zona afectada polo proxecto, dando cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nese senso.

A deputada do PSdeG recordou que o “proxecto estrela mimado polo PP e por Rueda” tivo enfronte unha gran contestación social “e tres nons” por parte do Goberno de España: “Non ao financiamento singular, non ao Perte e non ao encaixe técnico e medioambiental”. Iglesias lembrou que, para os socialistas, “todo proxecto industrial ou enerxético ten que cumprir tres condicións: viabilidade económica, sustentabilidade ambiental e aceptación social”. “Altri non cumpre ningunha”, insistiu.

Patricia Iglesias enmarcou o caso de Altri nunha política industrial e enerxética por parte da Xunta que sempre “vai tarde”. “Mentres España lidera, Galicia vai ao ralentí”, afirmou. Referiuse aos proxectos industriais estratéxicos (PIE) como “propaganda” porque 235 millóns de euros ponos enriba da mesa o Goberno de España mentres por parte da Xunta se achegan “cero euros”. Censurou tamén que non hai noticias do fondo galego de 300 millóns para apoiar eses PIE.

Indicou tamén que a comunidade autónoma “perde pulso industrial, encadeando unha caída da produción no inicio de ano”, e está en cuestión o seu potencial en enerxías renovables con máis de 90 parques eólicos paralizados e a privatización dos recursos naturais.

A iso sumou a “opacidade” do Goberno de Rueda coas plantas de bioenerxía e residuos, “sen planificación, sen regulación autonómica, modificando leis pola porta de atrás e impoñendo este tipo de instalacións en solo rústico”.

A parlamentaria socialista reclamou, pola contra, “unha política industrial seria e sostible que achegue valor e beneficios aos territorios”. “Galicia ten todo para liderar o proceso industrial e de transición enerxética xusta, pero falta o fundamental, o liderado político”, advertiu. “Galicia merece máis”, remarcou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios