CCOO esixe dimisións no Concello de Lugo: «Fóra a concelleira de Persoal, Ana Abelleira, e o xefe de RRHH»

A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo denuncia a situación de deterioro e descontrol que sofre o Departamento de Persoal municipal, cuxo funcionamento se atopa nunha crise sen precedentes pola falta de planificación, transparencia e diálogo coa representación sindical.

Nos últimos meses, o servizo vén acumulando decisións arbitrarias e irregularidades que comprometen a legalidade da actuación administrativa e os dereitos do persoal municipal. O último episodio —o cesamento de persoal interino en praza vacante de carácter estrutural— supón un feito de extrema gravidade, xa que se produciu sen causa legal nin informe técnico que o amparase, vulnerando o Estatuto Básico do Empregado Público. A medida tivo que ser rectificada tras a intervención de CCOO, evidenciando unha actuación improvisada e carente de rigor.

Este non é un caso illado. O Departamento de Persoal, baixo a responsabilidade política da Concelleira Ana Abelleira e a dirección técnica da Xefa de Sección de RRHH, leva tempo acumulando conflitos e deficiencias que paralizan a xestión municipal:

  • Bloqueo da Relación de Postos de Traballo e da negociación sobre xornada e carreira profesional.
  • Falta de transparencia e ausencia de diálogo real nas mesas de negociación.
  • Reparos de legalidade reiterados en materia de horas extraordinarias.
  • Deficiencias en prevención de riscos e saúde laboral debido ó exceso de xornada.
  • Descoordinación e perda de confianza interna no propio servizo.

Para CCOO, esta situación evidencia unha grave perda de capacidade de xestión e responsabilidade política, que deteriora o clima laboral e pon en risco o normal funcionamento da administración local.

Por todo iso, CCOO esixe:

  1. A inmediata dimisión de Dna. Ana Abelleira como Concelleira de Persoal, por incapacidade manifesta para garantir unha xestión rigorosa, dialogante e respectuosa coa legalidade.
  2. A apertura dun expediente de depuración de responsabilidades á Xefa de Sección de RRHH, a fin de esclarecer a súa participación en decisións arbitrarias e garantir a transparencia administrativa.
  3. A adopción de medidas urxentes para restaurar o funcionamento normal do Departamento de Persoal, reforzar os mecanismos de control interno e establecer un marco estable de diálogo cos representantes do persoal.

CCOO fai un chamamento ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, para que actúe con responsabilidade institucional e poña fin a esta deriva que está a danar a credibilidade e o bo nome do Concello.

Comparte éste artículo
No hay comentarios