Carme da Silva: “É un novo ataque do PP, de Núñez Feixóo, ao galego. Que podemos esperar de quen desde o minuto cero na Galiza lexislou contra a nosa lingua?”
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que o Partido Popular volve arremeter contra os dereitos lingüísticos da cidadanía e contra os dereitos das mulleres coa presentación de emendas á Lei de Atención á Clientela no Senado que buscan eliminar avances fundamentais introducidos polo BNG no Congreso.
A senadora do BNG, Carme da Silva, lembra que a formación nacionalista apoiou a tramitación da lei por considerala “necesaria para combater os abusos constantes das grandes empresas de servizos”, mais advirte de que o texto “queda curto e non aborda cuestións esenciais como garantir a atención presencial”.
“Todas nós sufrimos a falta de respostas, os bucles infinitos de máquinas que non resolven nada e a negativa das empresas a atendernos en galego, mesmo utilizándoo como desculpa para non asumir unha reclamación” subliña da Silva.
A senadora do BNG explica que a súa organización participou na tramitación do Congreso na incorporación de melloras substanciais en materia lingüística e que agora –denuncia- o Partido Popular pretende eliminar agora no seu paso polo Senado.
“As emendas do PP son a antítese do que pretende esta lei. Queren retirar avances longamente reclamados e atacar, unha vez máis, os nosos dereitos lingüísticos” afirma. “É un novo ataque do PP, de Núñez Feixóo, ao galego. Que podemos esperar de quen xa desde o minuto cero na Galiza lexislou contra a nosa lingua e se manifesta en Madrid contra os nosos dereitos lingüísticos?” pregunta retoricamente.
Da Silva advirte que o galego vive unha situación de emerxencia lingüística “recoñecida por informes, organismos oficiais e entidades sociais”, mentres o PP “non perde ocasión de perpetrar un novo ataque”.
Un ataque tamén contra os dereitos das mulleres
A senadora do BNG denuncia que o Partido Popular busca, ademais, eliminar a linguaxe inclusiva do texto da lei, unha posición que Carme da Silva cualifica de “profundamente reaccionaria e machista”.
“O PP presenta emendas para expulsar as mulleres do texto legal e impoñer o masculino como única forma válida” recrimina Carme da Silva. “É unha auténtica declaración de principios machista, coherente con outras posicións do PP: o ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres ou á lei de liberdade sexual”.
A parlamentaria lembrou que o uso da linguaxe inclusiva está recollido na lexislación desde a Lei 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e criticou duramente a xustificación ofrecida polo PP en comisión.
“Dicir que se debe volver ao ‘de toda a vida’ non é un argumento xurídico, é unha mostra do momento de involución ideolóxica en que está o PP” afirma a senadora nacionalista. “E habería que preguntarse a que ‘toda a vida’ se refiren: á lei de vagos e maleantes? Á necesidade de permiso do marido para abrir unha conta? A considerar a violencia machista como un asunto doméstico?”.
Da Silva apela os populares a “reflexionar” e non frivolizar sobre a visibilidade das mulleres: “as nosas nais e avoas pasaron a vida loitando contra esas normas. Aquel ‘toda a vida’ significou renuncias, perda de liberdade e mesmo perda de vida. Non se pode volver atrás nin facer burla da loita das mulleres” sentenza.
.