Música Miúda leva este sábado á Casa-Museo Manuel María o seu espectáculo As historias de Bemol Pequeno. Será ás 17 horas e vai dirixido para nenos e nenas de tres a oito anos.
Cun formato de contacontos musical, a actividade conta as historias da vila de Bemol Pequeno, pola que camiñan personaxes como a meiga Xela, o dinosauro Pepón ou a Banda do Carballo. Este espectáculo procura mostrar ás crianzas conceptos musicais básicos como o volume, as notas musicais ou as familias de instrumentos.
Música Miúda é unha banda composta por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez. Neste proxecto combinan contos e cancións de creación propia, con especial interese na diversidade e na integración, e cunha perspectiva de xénero e de promoción da lingua galega.
Para asistir á actividade é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
A CASA-MUSEO RECIBE, ESTA NOITE, O PREMIO LINO BRAXE NO MEMORIAL IBÁN TOXEIRO.-
A Casa-Museo Manuel María recibe esta noite o premio de honra Lino Braxe polo recoñecemento ao seu labor na difusión da obra dramática de Manuel María e pola creación do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais. Será dentro da Gala do XXVIII Memorial Ibán Toxeiro que este ano festexa a obra teatral de Manuel María. Organizada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, a gala, de entrada libre, comezará ás 20.30 hrs, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e nela participará o grupo teatral da A.C. Alexandre Bóveda que representará o Auto do Taberneiro de Manuel María e as compañías Galeatro e Xarope Tulú, dirixidas por Paula Carballeira, levarán ao escenario escenas da peza teatral Berenguela na gaiola, proxecto gañador da IV edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.