Rego demanda ao Goberno aclarar o destino dos 186 pisos da SAREB en Lugo e máis de 300 obras en curso.
O deputado do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG), Néstor Rego Candamil, adscrito ao GRUPO PARLAMENTAR MIXTO, ao abeiro do estabelecido no artigo 185 e seguintes do Regulamento do Congreso, formula as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita relativas aos inmóbeis da SAREB en Lugo.
A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) creouse no ano 2012 para xestionar os activos tóxicos da banca cun capital de 4.800 millóns de euros. Así, o Estado mantén miles de activos inmobiliarios paralizados e sen uso en mans da SAREB cando, no contexto actual de graves dificultades para o acceso á vivenda, é preciso favorecer a súa dispoñibilidade e incorporalos a programas de vivenda ou alugueiro social.
No mes de xaneiro pasado, a Ministra de Vivenda anunciaba a reconversión da Entidade Pública Empresarial do Solo (SEPES) como empresa para a promoción de vivenda e o traspaso á mesma dos inmóbeis titularidade da SAREB, para posteriormente no mes de xullo, aprobar os criterios para a incorporación de activos. Porén, a día de hoxe, descoñécese en que situación se encontra este proceso e se se levou a cabo de forma completa, incorporándose todos os activos da SAREB á nova Empresa Estatal e se se están a facer as xestións para destinar as vivendas a aluguer social e a prezos accesíbeis.
Alén do mais, o BNG segue a reclamar a transferencia dos inmóbeis da SAREB sitos na Galiza á Xunta para incorporalos ao parque público de vivenda e de alugueiro social, unha forma de xestión máis acaída tendo en consideración que as competencias en materia de vivenda son das Comunidades Autónomas. Mais, a maioría deses inmóbeis permanecen nun limbo, baleiros, parados e sen uso.
É o caso dos 186 pisos que a SAREB posúe no territorio de Lugo e máis de 300 obras en marcha, repartidos en distintas localidades, contándose na cidade de Lugo uns 20, en Barreiros 68, e en Monforte de Lemos 60, e outros moitos situados en diferentes concellos como Chantada, Foz, Ribadeo, Sarria ou Vilalba, entre outros. En canto á obras en curso, destacan os 215 de Burela. Ademais de pisos, constan outro tipo de propiedades como solos, terciarios e anexos.
En todo caso, segue sendo preciso aclarar e dar información con transparencia sobre a situación, estado de habitabilidade e características de cada un dos inmóbeis, datos que o Goberno segue se facilitar, e a súa dispoñibilidade para poder ser destinados á maior brevidade posíbel ao parque público de vivenda.
Polos motivos expostos, o BNG formula as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno:
- Cal é a actual situación dos inmóbeis titularidade da SAREB na Galiza?
- Procedeu xa ao traspaso de todos os activos da SAREB na Galiza á nova Empresa Estatal de Vivenda? En caso afirmativo, pode especificar cantas propiedades se incorporaron na Galiza, desagregando os datos por concellos?
- Caléasituación,estadoecaracterísticasdos186pisosqueaSAREBten en todo o territorio de Lugo? Pode informar da situación na que se encontran? Foron transferidos á Empresa Estatal de Vivenda?
- En que consisten as obras en curso en máis de 300 inmóbeis dos que se informa? Cal vai ser o destino destas propiedades?
Non cre que sendo as competencias en materia de vivenda das Comunidades Autónomas debera o estado pola transferencia dos inmóbeis da SAREB ao Goberno galego para que, en coordinación cos concellos, se poidan se incorporen a unha bolsa de vivenda pública e se favoreza o estabelecemento de plans de vivenda en alugueiro social?