Ineltrón Santo Domingo Betanzos arrasa (109-61): Vitoria contundente para aliviar a situación do equipo

Tocaba gañar, para quitar a espiña da dura derrota encaixada en Lugo fronte a Estudiantes, e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos saíu por todas dende o salto inicial atopando unha vítima propiciatoria nun cándido Navia La Magaya, equipo que non soubo dar en ningún momento a réplica. Hai partidos así. Para ben e para mal. O 35-14 do primeiro cuarto xa falaba ben ás claras que a tarde do domingo no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” non ía ser demasiado entretido para unha bancada que, ao final, soubo valorar que, xunto ás vitorias máis sabedeiras, esas que se logran nos últimos segundos, tamén hai outras, as motivadas pola incomparecencia do rival, pero que acaban recargando as pilas de quen o necesitaba. Foron 48 puntos de diferenza pero ben puideron ser 60. Ou 70. O Santo, que chegou ao descanso cun insólito 68-25, levantou o pé do acelerador, deu minutos aos menos habituais, e acabou sumando unha vitoria, construída sobre rápidas transicións e unha porcentaxe en tiro exterior por riba do 50%, que acaba situando os betanceiros oitavos na clasificación, con 2 vitorias sobre o descenso e só a 3 do liderado nunha das ligas máis igualadas dos últimos anos.

Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do equipo local: “Foi un partido bastante fácil grazas á boa defensa que fixemos, ao acerto, tanto en tiros libres coma en tiro exterior, e no control do ritmo de xogo. Soubemos compensar o rebote, que é un dos hándicaps que temos nos últimos partidos, e a partir de aí…”.

Coincidía con el o capitán Jorge Abelleira: “Estivemos moi fortes dende o inicio, con ganas de darlle a volta á derrota en Lugo, e a verdade é que a cousa saíu ben. Hai que facerse fortes en casa, con boas defensas e xogo rápido…Así vai ser difícil que non se poidan competir todos os partidos, mesmo con rivais superiores”.

Gran partido de Dani Martín, con 26 puntos de valoración grazas aos seus 22 puntos, 5 rebotes, 3 rebotes e 3 asistencias, extraordinarios números dun Randolph que xa marchou ao descanso con 22 puntos, e 21 puntos de valoración para Abelleira ( 13 puntos, 5 rebotes e 6 asistencias), dentro dun festival local que levou a valoración global do equipo a un 133 fronte aos 32 dos rivais, nos que apenas puideron asomar a cabeza Lucente (12 puntos) e Rodríguez Luque (17), os únicos que plantaron cara ao equipo betanceiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios