A eurodeputada do BNG visitará a mina este venres e anima a encher Santiago o domingo en protesta contra a macrocelulosa.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, insta ao goberno galego do PP a deixar atrás un modelo industrial fracasado baseado na contaminación e a desfeita do país, como poden ser a mina de Touro e Altri, e apostar por proxectos que sexan respectuosos co medio ambiente e cos sectores económicos estratéxicos de cada comarca.
A respecto da mina de Touro, que a eurodeputada galega visitará este venres, Miranda denuncia os danos medioambientais e de contaminación fluvial que suporía a súa reapertura, tanto para o futuro de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, pero tamén para o río Ulla e a ría de Arousa. Neste sentido fai fincapé nass ameazas que suporía a reapertura da mina para o territorio e para os sectores produtivos, xa que afectaría directamente ao sector agrogandeiro, fundamental na comarca de Arzúa, e ao marisqueiro na Arousa.
“Trátase dun proxecto que pretende chantarnos unha mina a ceo aberto como se estivésemos no século XIX cun grande impacto nestas comarcas e baseado nun modelo colonial de explotación do territorio”, manifesta a eurodeputada do BNG, quen considera ao PP “cómplice de que Galiza sexa terra de sacrificio”. Neste sentido rexeita a pertinencia de que a reapertura desta mina sexa declarada proxecto industrial estratéxico europeo.
Incumprimentos
No tocante a Altri, Ana Miranda vén de rexistrar unha pregunta sobre o posible incumprimento dos obxectivos e principios da política ambiental da Unión Europea así como sobre a posible ocultación de emisións nocivas. Neste sentido, a eurodeputada galega lembra que a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE de 25 de xuño de 2024, relativa á Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais e ao artigo 191 do TFUE, establece que os permisos ambientais deben avaliar todas as emisións nocivas coñecidas pola ciencia, mesmo se non estaban identificadas inicialmente.
En relación a estas emisións, Miranda xa remitiu recentemente unha pregunta á Comisión Europea sobre o selo STEP outorgado pola Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestrutura e Medio Ambiente (CINEA) ao proxecto Gama, sen ter en conta os informes sobre os efectos contaminantes da macrocelulosa Altri.
“Estamos diante dun proxecto de graves consecuencias non só ambientais e patrimoniais, senón tamén nos sectores económicos estratéxicos, o agrogandeiro das comarcas veciñas da Ulloa e do Deza, e ao sector marisqueiro da ría de Arousa”, lembra a eurodeputada do BNG, quen tamén menciona os prexuízos que supón a aposta pola eucaliptización.
Aínda que este proxecto se atopa sen garantía de conexión eléctrica á rede, sen financiamento millonario de fondos europeos e sen axudas do Fondo de Innovación da UE, considera que é preciso manter a presión na rúa contra esta bomba ambiental que o PP quere instalar no corazón de Galiza, polo que anima as galegas e aos galegos a encher as rúas de Santiago de Compostela o vindeiro domingo, 14 de decembro,