@gonzalogsoto
Onte, o político, Pablo Rivera Capón, Deputado Provincial, agora metido a articulista escribía un artigo sobre a sentenza ao Fiscal Xeral do Estado. Rivera indicaba que o xuízo mediático e a correspondente sentenza xa estaban feitos de antemán, tal e como ocorrera noutros casos na provincia de Lugo con figuras como López Orozco e Gómez Besteiro.
Custa crer que se faga unha afirmación tan lixeira, como deixando caer cousas das «cloacas do Estado», por parte de quen precisamente leva anos e anos vivindo entre «cloacas».
Naquela xogada para cargarse a Santín e a Martínez da Deputación á vez, Pablo Rivera era a aposta oculta da persoa que artellaba os fíos do besteirismo naquel momento. O obxectivo era facerse coa Presidencia, utilizando o propio Rivera como persoa interposta, pero o tiro saíu mal nesa ocasión.
Coa chegada de Darío Campos á presidencia, tocou facerse amigo del para manter o poder, mentres se abría unha batalla campal con Álvaro Santos pola Secretaría Provincial dos socialistas na provincia. Nese momento, Santos fíxose co mando, pero era evidente que acabaría por ser o destrutor de todo o que xestionara.
A historia repetiuse unha vez máis, cercando a Álvaro Santos e facéndolle a xogada a Darío Campos, con José Tomé entre outros á fronte da situación. Nese tempo, a vía coas conexións de Gonzalo Caballero na provincia era a do mediodía, para despois merendar cos besteiristas que estaban á espera do seguinte golpe de man.
A novela continúa, xa que en 2023 houbo algúns movementos, neste caso máis tímidos, para destronar a José Tomé. A coincidencia practicamente no tempo das eleccións xerais apagou algúns focos de conflito, aínda que as lapas seguen un tanto acendidas.
Pablo Rivera Capón, nos últimos meses, está facendo movementos con amigos políticos de Gómez Besteiro, onde se miden as forzas internas para tentar derrocar a José Tomé. Si que é certo que agora os tentáculos se moven dende a cidade da Coruña e non precisamente dende os díscolos de José Tomé. O presidente que cuide ben a súa cadeira, que desde a Deputación estanlle a facer a cama.
Elucubración tras elucubración, xogada tras xogada para continuar outros catro anos na política sen máis, cobrando do erario público 60.000 euros/ ano, máis outras prebendas. Nisto se está a converter tristemente a política en moitos casos, con xogadas de fontanaría e de cloacas, onde o que menos importa son precisamente os cidadáns, son, o seu peto.