31 puntos de recollida en Xinzo para frear a macroplanta de Biogás

A plataforma contra a macroplanta en Xunqueira de Ambía ten abertos 31 puntos de recollida de alegacións ao proxecto. Este sábado habilita una mesa informativa na feira de Xinzo de Limia para recoller escritos de oposición e organiza e unha palestra en Allariz, pola tarde, para explicar os impactos que tería a instalación. 

Macroplanta Biogás na Limia NON, a plataforma que organiza a oposición veciñal á instalación en Xunqueira de Ambía dunha industria de produción de combustíbel a partir de residuos, abriu 31 puntos de recollida de alegacións en 9 concellos contra o proxecto. E este próximo sábado, 13 de decembro, disporá unha mesa informativa na feira de Xinzo de Limia, no punto habitual entre as rúas San Roque e Toural, de 10.30 e as 13.30 horas, na que tamén se recollerán escritos de alegacións. 

Macroplanta Biogás na Limia NON iniciou a principios de mes a campaña de alegacións co apoio doutros colectivos ecoloxistas da Limia e do país, dentro do segundo proceso de participación pública que a Administración Pública galega abre sobre o expediente da empresa ENCE solicitando a autorización para construír a macroplanta, e lembra que o prazo deste novo proceso participativo remata o 8 de xaneiro, mais é preciso recoller e rexistrar antes o groso das alegacións. Ademais, insiste: todas as veciñas e veciños que asinaron escritos de oposición no primeiro proceso -entre os meses de outubro e novembro- poden volver a facelo. 

A plataforma está a recoller sinaturas tamén no Mercado da Biosfera de Allariz cada sábado, e este mesmo día 13 organizará unha palestra no no CS A Alvariça, en Allariz, ás 17.00 horas na que falarán Manuel García, do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) e Daniel López Vispo, de ADEGA. 

A plataforma lembra que ENCE pretende instalar esta macroplanta en parcelas lindeiras con Rede Natura, xunto á Zona de Especial Protección de Avifauna (ZEPA) da Limia, e a menos de quilómetro e medio de núcleos de poboación co conseguinte risco para a fauna e as augas e a saúde das persoas. Entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións -que están a ser fortemente contestadas en diferentes lugares do Estado-, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano, di a promotora nos documentos a avaliación), das balsas de residuos a ceo aberto en plena ZEPA, dos verquidos ás augas nunha área inundábel, moi sensíbel (fai parte dun Ecosistema Dependente de Auga Subterránea) e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerábel. Neste punto, a plataforma subliña que a transformación de residuos procedentes da gandaría industrial, como reflicte a documentación presentada pola promotora, non acaba co problema dos nitratos e mesmo pode contribuír a agravalo. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios