Na mañá de hoxe, ADEGAL trasladoulle ás distintas Administracións a difícil situación que a bisbarra está a atravesar, á que hai que engadirlle as dificultades do temporal, encadeando varios anos no que o cultivo de cereais se ve exposto ó abandono.
As medidas a adoptar deben ser urxentes, xa que estamos nunha situación excepcional na comarca; unha crise sen precedentes na que están en risco numerosas explotacións, empresas vinculadas ó tecido primario e por conseguinte, a economía da comarca, cuio motor principal é a agricultura e a gandaría.
A Limia conta cun gran potencial agrogandeiro, e como tal, as Administracións débense implicar e apostar, potenciar e protexer a actividade de todas as explotacións agrícolas e gandeiras existentes, así como facilitar as ampliacións e o relevo xeracional.
As persistentes choivas do inverno arrastran consecuencias graves para ó sector primario da Limia, estragando por completo o cereal de inverno implantado, o que significa unha perda total dos cultivos, e consecuentemente, grandes perdas económicas para as familias.
A comarca da Limia é a principal produtora de cereal de Galicia, é base da provisión da IXP pan de Cea e da IXP Pan Galego, adicando máis de 15.000 ha ó cultivo de cereais .
No caso do cultivo da colza repítese a problemática, xa que as inundacións que se están a sufrir acabaron por estragar a viabilidade da mesma.
Polo tanto, maniféstase:
Primeiro.- A comarca da Limia debe ser declarada como “Zona afectada por unha emerxencia”.
Segundo.- Estímase que o rendemento da colleita de cereal de ciclo longo pode sufrir un descenso do 90% en estimacións comparativas a un ano sen sucesos meteorolóxicos que causan catástrofe.
Das 8.000 Ha de cereal de inverno que se sementan na Limia, xa soamente se puideron sementar 2.000 Ha en tempo, motivado polas adversidades climáticas do outono.
Isto tradúcese nunha estimación de perdas económicas de xeito directo para a Limia de 2.000.000 €.
A maiores, o estrago das 700 Ha de colza implantadas xera unha perda económica de 1.200.000 € na comarca.
As perdas que as numerosas familias da bisbarra afrontan alcanza os 3.200.000 €.
Terceiro.- O mal drenaxe das cunetas, dos canais secundarios, dos ríos e dos regatos ocasionou danos nas infraestruturas agrarias, pistas, cortaventos, etc. que dan servicio ás fincas tras a concentración parcelaria, xunto co maior asolagamento das terras de cultivo por non evacuar correctamente.
Cuarto.- Os seguros agrarios non contemplan adecuadamente o rendemento dos cultivos na zona, polo que se deberían actualizar os baremos e adaptalos á nosa realidade.
Quinto.- Establecer unha bonificación fiscal para todos os produtores afectados, ben a través do IRPF, do Imposto de Sociedades e do IBI.
Sexto.- Promover axustes nas cotizacións da Seguridade Social dos agricultores e gandeiros afectados.
Sétimo.- Adianto das axudas da PAC, ademais de facilitar axudas á compra de abonos, semente, etc, do mesmo xeito que se fixo coa guerra de Ucraína ou a seca.