Ana Miranda rexeita o acordo comercial entre a UE e Marrocos e expresa o seu compromiso para seguir traballando na Eurocámara a prol do Pobo Saharaui.
No marco da conferencia “O impacto do acordo comercial entre a UE e Marrocos no futuro do proceso de paz no Sáhara Occidental”, impulsada por Ana Miranda, a eurodeputada do BNG criticou duramente este acordo e reclamou que a Unión Europea deixe de espoliar os recursos do Sáhara Occidental.
“Reclamamos que que se cumpran as sentencias europeas e que a UE deixe de saquear os recursos do Sáhara Occidental”, manifestou a eurodeputada galega, quen afirma que a Unión Europea ten que respectar a sentenza emitida polo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o ano pasado, que anulou os acordos comerciais entre a UE e Marrocos en materia de pesca e de produtos agrícolas xa que o pobo saharauí non deu o seu consentimento.
Ao seu xuízo, o pobo Saharauí non pode pagar o prezo dos intereses xeopolíticos, senón que ten que rematar a terceira fase económica de ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos. Precisamente neste contexto tivo lugar a votación no pleno da Eurocámara do mes de novembro perdida por un só voto, sobre a etiquetaxe dos produtos, que segundo a Comisión Europea debe indicar a rexión de produción, neste caso o Sáhara Occidental.
Terceira fase da ocupación
Ao respecto, segundo explicou Oubi Bouchraya, representante do Frente Polisario, esta terceira fase de ocupación do Sáhara Occidental, a económica, foi precedida pola ocupación militar en primeiro lugar e pola ocupación demográfica en segundo lugar. “A terceira fase ten como obxectivo lexitimar a ocupación aínda máis se cabe”, explicou, ao tempo que sinalou que “queren ademais establecer unha certa dependencia do mercado europeo, especialmente coa enerxía renovable, incrementar a colonización demográfica e irreversible”.
Neste sentido, Ana Miranda criticou a posición do goberno español, cualificándoa de “vergonza, vítimas dunha chantaxe conscientemente”. “Isto mesmo vémolo en Bruxelas, coa chantaxe á UE por parte de Marrocos”, apuntou ao lembrar as palabras de Bouchraya, quen sinalou que “Marrocos, co el acceso a novo territorio para cultivar non só vai a aumentar a súa demanda de posesión do territorio por cuestións demográficas e tamén económicas, senón que tamén van a aumentar a presión económica cara á UE vía a exportación de produtos agrícolas de baixo prezo”.
“Temos que seguir traballando na Eurocámara na defensa do Pobo Saharauí, o respecto aos seus dereitos e na loita contra o espolio dos seus recursos”, concluíu a eurodeputada do BNG.