O socialismo galego ante o seu espello: ética, poder e responsabilidades pendentes

Coordinador UCIN Galicia

Tras a resaca dun novo escándalo que, lamentablemente, devolve ao PSOE ao centro da controversia pública, Galicia vén de vivir unha convulsión política de enorme gravidade. O epicentro sitúase en Lugo, onde unha crise interna no PSdeG estalou en torno ás supostas denuncias por acoso contra José Tomé, presidente da Deputación lucense e alcalde de Monforte de Lemos, que xa presentou a súa dimisión.

Pero cómpre subliñar algo esencial: a dimensión máis dolorosa deste episodio non reside só na natureza das acusacións, senón na sombra de silencio que —segundo revelan diversas filtracións e informacións publicadas— envolveu á dirección socialista galega.

Segundo estas fontes, as presuntas vítimas terían presentado as súas denuncias polos canles internos do partido, e a dirección sería coñecedora da situación. O que sorprende, decepciona e indigna é a resposta: opacidade, inmobilismo e cálculo político, nun momento no que era imprescindible activar todos os mecanismos de protección, transparencia e rigor que o PSOE presume de defender.

Non foi a ética institucional a que fixo aflorar o caso. Foron as loitas internas, as faccións enfrontadas dentro do propio socialismo lucense, as que decidiron que chegara a hora de executar politicamente a Tomé. As denuncias convertéronse entón na munición máis devastadora nunha guerra interna polo control do partido.

Un comportamento que non só resulta indigno, senón incompatible cun partido que presume dun Código Ético exemplar, dun compromiso irrenunciable coa igualdade e dun discurso de tolerancia cero ante calquera tipo de abuso ou acoso.

Porque, ¿que credibilidade pode manter unha organización que reclama transparencia aos demais, pero tolera internamente o silencio cando as denuncias afectan aos seus propios cargos?
¿Con que autoridade pode o PSOE esixir responsabilidades a outras formacións cando evita rendilas dentro da súa propia casa?

É chegada a hora de dicilo con claridade: o PSdeG non pode seguir mirando cara outro lado. Hai responsables políticos que, segundo a información difundida, eran coñecedores da situación e non actuaron coa contundencia que o caso requiría.

Por iso, e desde a responsabilidade cívica e política, esixo publicamente que José Ramón Besteiro, Lara Méndez e Pilar García Porto dean un paso atrás. Non se trata de vinganza política, senón de coherencia democrática.
Un Código Ético non é un adorno nin un cartel electoral: é unha obriga, e quen non estivo á altura debe asumilo.

No socialismo lucense —e, por extensión, no PSdeG— as acusacións máis graves que alguén pode presentar quedaron atrapadas nun xogo de poder e intereses internos. Ese é o retrato máis demoledor: cando o poder pesa máis que a protección das mulleres, pérdese toda autoridade moral.

Os cidadáns de Galicia merecemos partidos valentes, transparentes e coherentes. E sobre todo, merecemos que nunca máis unha denuncia de tal gravidade sexa empregada como arma política nunha batalla polo control interno dun partido.

É hora de asumir responsabilidades.
É hora de recuperar a ética que tanto se lle esixe aos demais.
É hora de demostrar que a política pode e debe ser algo máis que unha loita polo sillón.

Comparte éste artículo
No hay comentarios