A Universidade da Coruña acolle o I Symposium Internacional de Mentoría na Carreira Dual de Deportistas-Estudantes de Alto Nivel

O encontro, organizado pola Rede de Mentoría Dual de Deportistas-Estudantes de Alto Nivel (RUMDE), terá lugar durante os días 11 e 12 de decembro de 2025 na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC.

A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña celebrou esta mañá o acto deinauguración do I Symposium Internacional de Mentoría na Carreira Dual de Deportistas-Estudantes de Alto Nivel, unha iniciativa organizada pola Rede de Mentoría Dual de Deportistas-Estudantes de Alto Nivel (RUMDE), financiada polo Consello Superior de Deportes (CSD) e coordinada polo profesor Antonio Sánchez Pato (UNIR), que terá lugar durante os dias 11 e 12 de decembro.

O acto contou coa asistencia de Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC; María Luisa Rodicio García, presidenta do Simposio, e docente da Universidade da Coruña, e de Iván Clavel San Emeterio, xerente da Fundación Deporte Galego.

Na súa intervención, Cristina Naya destacou a importancia deste encontro que, segundo reflexionaba a vicerreitora, “nace para poñer no centro do debate un reto que nos apaixona: garantir que quen compita ao máximo nivel poida tamén desenvolver a súa formación académica con éxito e benestar”. Así pois, o obxectivo principal desta cita é o de crear unha cultura de mentoría que facilite a carreira dual do estudantado deportista de alto nivel no ámbito universitario, mediante un amplo programa que combina conferencias, mesas redondas e relatorios de experiencias persoais.

Naya reafirmou tamén o compromiso da Universidade da Coruña “para seguir avanzando e que a carreira dual non sexa unha excepción, senón un dereito que se debe garantir con políticas, recursos e acompañamento”. A UDC leva anos traballando para que esta combinación de estudos a deporte de alta competición sexa posible. Proba dese compromiso é a normativa específica da institución para deportistas de alto nivel, que iniciou no curso 2020/2021 e que foi pioneira en España. Esta normativa regula e facilita a compatibilidade entre estudos e alta competición, e desde a súa implantación beneficiou a 490 deportistas.

A conferencia inaugural do programa correu a cargo de Diego Barrio Hernanz, xefe da Área de Promoción Deportiva do Consello Superior de Deportes, quen presentou ao público presente as accións levadas a cabo para a promoción do deporte universitario en España desde o goberno de España.

Ao longo dos dous días que dura o encontro, diversos deportistas achegarán a súas experiencias como membros da RUMDE, como deportistas de alto nivel e desde a perspectiva da carreira dual. Así mesmo, as mesas redondas sobre a mentoría como estratexia de acompañamento e o estado actual dos programas nacionais de apoio aos deportistas de alto nivel completarán unha programación que centrará a atención na conciliación da vida deportiva e os estudos.

A conferencia de clausura, que terá lugar o venres día 12 ás 13:00 horas, será impartida por Alberto Durán López, presidente do Comite Paralímpico Español, e versará sobre o papel deste órgano como modelo singular de apoio e acompañamento aos deportistas con discapacidade. 

O evento contará tamén coa participación de persoal experto e investigador deUniversidades de Italia, Malta, Portugal e España, facendo deste un encontro internacional de primeiro nivel.

A clausura, prevista para o venres día 12 ás 14:00 horas, contará coa asistencia de Diego Calvo Pouso, conselleiro de presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Ana mª Sánchez Bello, decana da Facultade de Ciencias da Educación e Antonio Sánchez Pato, director da Rede RUMDE.

Este simposio configúrase como unha oportunidade para compartir experiencias, sumar coñecemento e construír redes de apoio desde a Universidade, creando así un diálogo aberto de propostas concretas que melloren a mentoría e a flexibilidade académica, con rigor e perspectiva inclusiva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios