O PP lucense presenta o Plan Integral do Autónomo ao tecido produtivo da provincia reivindicando “menos impostos e máis apoio para quen traballa”

Barreiro, Balseiro e Serrano tamén recolleron as necesidades e demandas dos traballadores por conta propia e anunciaron unha iniciativa específica para reclamar ao Goberno de Sánchez medidas concretas para corrixir a tendencia á perda de autónomos na provincia.

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- presentaron as medidas do Plan Integral dos Autónomos do Partido Popular a representantes da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) nunha reunión en Lugo na que reivindicaron “menos impostos e máis apoio para quen traballa” e anunciaron unha iniciativa específica para reclamar dende o Senado ao Goberno de Sánchez medidas de apoio aos autónomos lucenses coas que corrixir a tendencia á perda de autónomos na provincia.

O encontro de traballo contou coa participación do secretario xeral da CEL, Jaime López, o conselleiro delegado, Eduardo Valín, o secretario xeral de ATA Galicia, Álvaro Viqueira, e membros do colectivo que representan a distintos sectores económicos da provincia como o da construción, hostalería, taxistas, talleres, instaladores electricistas e de telecomunicacións, autoescolas, academias, consultorías, etc. 

Os populares tamén recolleron as necesidades e demandas dos traballadores por conta propia recollendo o documento de prioridades e medidas para as persoas traballadoras autónomas detectadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a través das organizacións membro. 

Os senadores expuxeron os piares do Plan Integral dos Autónomos do Partido Popular: menos impostos e trabas a quen traballa, máis facilidades para emprender e medrar; máis protección e apoio; e máis dereitos e confianza do Estado no autónomo.

Así mesmo, explicaron algunhas das principais medidas que ten anunciado o presidente Feijóo e que inclúe “unha baixada de impostos” ao eximir do pago do IVE aos autónomos con ingresos inferiores aos 85.000 euros anuais. 

O PP tamén propón unha ‘Tarifa 0’ ata os 2 anos para os novos emprendedores, reducir as declaracións anuais a dúas ou unha para os novos autónomos, non pagar cotizacións nun ano polo primeiro empregado contratado e un 50% de bonificación no segundo, non pagar cotizacións polas baixas por enfermidade grave, facilidades para traballar despois da idade de xubilación co 100% da pensión, compatibilizar traballo autónomo con traballo por conta allea, exención de cotas durante dous anos trala maternidade ou paternidade, equiparación dos dereitos pola lactancia ou clarificar e incrementar as deducións de gastos.

Os populares lembraron que “os traballadores autónomos teñen un peso especial no conxunto do mercado laboral da provincia de Lugo” onde 1 de cada 4 é traballador por conta propia. Trátase dun colectivo “clave” para a xeración de postos de traballo e o crecemento económico. Con todo, na actualidade, teñen que enfrontarse ao encarecemento dos subministros, o incremento dos trámites burocráticos -incluído o novo sistema de facturación electrónica Verifactu-, os problemas de relevo xeracional e as progresivas subas das cotas de cotización e impostos.

Os senadores do PP lucense advirten que “o Goberno de Sánchez leva 7 anos castigando ao tecido produtivo” e cren que “o Goberno de España debe tomar medidas para apoiar a quen traballa e se esforza” e, de forma particular, “para evitar a perda de autónomos na provincia de Lugo”. 

PLAN DE CHOQUE EN APOIO AOS AUTÓNOMOS DE LUGO

Ante a caída xeneralizada do número de autónomos na provincia -dende outubro do 2024 a outubro do 2025 rexistráronse 353 baixas, practicamente 1 ao día-; os senadores lucenses do PP esixirán ao Goberno de Sánchez un plan específico de apoio aos autónomos lucenses que inclúa a avaliación das causas da perda de autónomos na provincia e estableza medidas para corrixir esa tendencia.

Entre as propostas que os populares levarán ao Senado, onde agardan a súa aprobación ao ter garantía a maioría absoluta, inclúen tamén a adopción de medidas de apoio ao autoemprego, a formación e a dixitalización; a rectificación da actual política fiscal cara aos traballadores autónomos -que os últimos 7 anos se traduciron nunha crecente carga impositiva, incerteza e falta de estabilidade normativa- e a esixencia do cumprimento dos compromisos adquiridos cos traballadores autónomos no 2023, impulsando de maneira inmediata as reformas pendentes en materia de protección social, pluriactividade, conciliación e simplificación burocrática.

Comparte éste artículo
No hay comentarios