O Concello de Vigo destaca que a exposición a ruídos altos é «escasa» e que o Plan Acústico beneficia a 26.000 vigueses

Comunicado do Concello de Vigo

En relación á información publicada hoxe sobre o ruído na cidade, o Concello quere manifestar o seu compromiso neste ámbito sendo os primeiros de España en publicar a 4º revisión do Mapa de Ruídos e tendo tomado medidas para avanzar cara unha cidade máis sostible, habitable e accesible.

O Goberno municipal quere sinalar que a exposición cidadá a ruídos altos, que son os daniños para a saúde, é escasa. Os niveis mínimos de ruído excédense, como é habitual nunha contorna urbana activa, pero a meirande parte da exposición está no rango máis baixo, tal e como recolle o Plan de Acción contra o Ruído que acaba de aprobarse.

O documento recolle que o obxectivo da normativa europea é que a cidadanía non supere a exposición a 65dBA día, tarde e 24 horas e os 55dBA noite na fachada dos seus edificios. A exposición a 55dBA en fachadas son ruídos baixos, dado que segundo o código técnico da edificación, calquera edificio tería un illamento mínimo de 30dBA polo que o ruído no interior da vivenda situaríao nos 25dBA ou menos, polo que se cumpriría a normativa e a Ordenanza municipal de ruídos máximos, de 30dBA en dormitorio de día e 25dBA en dormitorio de noite.

O Concello de Vigo investiu entre os anos 2008 e 2012 75 millóns de euros en 80 actuacións, que contribuíron a mellorar o confort acústico. De 2013 a 2024 destinamos 100 millóns en 170 actuacións, principalmente humanizacións, ampliación das rúas, asfaltado, arranxo de pavimentos e mellora das infraestruturas. Nos próximos anos destinaremos 26 millóns de euros para novas actuacións en humanizacións e no programa de mobilidade Vigo Vertical.

O Plan de Acción contra o Ruído de Vigo recolle medidas específicas para reducir ata un 48% a poboación exposta a un ruído con máis de 65 decibeis, beneficiando ata 26.000 persoas con respecto aos últimos resultados. Tamén contribuirán a reducir un 16% a exposición da poboación a niveis medios de ruído, beneficiando a 31.000 persoas durante todo o día. Son medidas como:

  • A redución da velocidade máxima nas Zonas de Baixas Emisións (a

20km/hora), rúas da contorna de Gran Vía, na VG20 e na Avenida Arquitecto Palacios

  • O asfaltado acústico (pavimento deseñado para reducir o ruído do tráfico) en Gran Vía, Avenida de Castelao e Jenaro de la Fuente
  • A peonalización da zona de Porta do Sol, Elduayen e Paseo de Alfonso XII coa construción do túnel subterráneo

Ademais, o Goberno municipal ten establecidas medidas a medio e longo prazo para seguir avanzando neste campo:

  • Continuar coa avaliación do impacto do tráfico de vehículos pesados, considerando restricións en zonas de alta densidade de poboación
  • Reducir a velocidade máxima ata 20 quilómetros por horas en zonas gran concentración de residentes
  • Mellorar a semaforización para optimizar o tráfico e reducir atascos
  • Instalar máis paneis informativos con datos en tempo real sobre a fluidez do tráfico
  • Colaborar coas administracións responsables das fontes de ruído para adoptar medidas correctoras
  • Fomentar os espazos libres de tráfico para dar prioridade aos peóns

Segundo un informe realizado por Altezza Travel, Vigo é a segunda urbe menos ruidosa das 14 grandes cidades España polo bo equilibro que presenta entre vida urbana e tranquilidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios