Avanzar cara á implantación da xornada laboral de 32 horas semanais, elevar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até os 1.500 euros e blindar os dereitos das mulleres fronte á extrema dereita centraron o acto de campaña celebrado este domingo por Fronte Ampla na Pobra do Caramiñal. O encontro contou coas intervencións de Verónica Barbero, o candidato ao Congreso Xosé Lois Piñeiro, Paulo Carlos López e Rocío Núñez, quen situaron a dignificación dos sectores feminizados e a axenda laboral pendente no foco do debate electoral.
Durante a súa intervención, Verónica Barbero subliñou que a mellora das condicións de traballo constitúe a principal prioridade programática da coalición. Tras reivindicar avances conquistados na lexislatura —como a derrogación do despedimento por baixa médica, o mecanismo dos ERTE ou as sucesivas subas do SMI—, fixou como próximos obxectivos a redución da xornada semanal a 32 horas e o control efectivo do rexistro horario.
Neste senso, advertiu de que «non se pode tolerar que cada semana se fagan dous millóns e medio de horas que nin se pagan nin se cotizan», unha práctica que cualificou de «fraude laboral». Fronte a esta situación, comprometeuse co electorado: «Respondo pola clase traballadora galega. Nunca votaremos en contra da clase traballadora, e dentro de catro anos poderemos render contas diso».
Reivindicación dos sectores feminizados e da memoria democrática
A perspectiva feminista articulou o conxunto do acto desde a apertura a cargo de Rocío Núñez, quen destacou o papel histórico das mulleres do mar, as mariscadoras e as traballadoras da conserva na identidade da Pobra, así como o legado das docentes comprometidas co ensino laico que sufriron a represión franquista, lembrando a figura de Maruja Vázquez.
Barbero recolleu esta reflexión vencellando a memoria democrática, con mención ao antigo campo de concentración da Lomba, coa defensa actual da igualdade: «Cando falamos de memoria democrática tamén falamos da memoria das mulleres, porque os dereitos que hoxe temos tivemos que conquistalos un a un». Diante do que cualificou como intentos de «branquear o franquismo» e do negacionismo da violencia machista, a dirixente amosouse contundente: «As mulleres non podemos e non imos volver atrás. Os nosos dereitos non se negocian para conseguir os votos de Abascal. Para nós a patria é a matria, e a nosa patria é a clase traballadora».
Asimismo, puxo a loita histórica das traballadoras conserveiras pola equiparación salarial como exemplo de que «non chega con crear riqueza, hai que repartila ben». Nesta mesma liña, Paulo Carlos López eloxiou a xestión de Xosé Lois Piñeiro durante a súa etapa como alcalde da Pobra: «Municipalizar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un exemplo en todo o Estado e representa o corazón do noso proxecto: garantir mellores salarios e mellores condicións laborais para as mulleres».
Na recta final cara ás urnas, os intervenientes apelaron á mobilización do electorado progresista para impedir un goberno de Alberto Núñez Feijóo con Vox, chamando a concentrar o voto útil para revalidar un Executivo de progreso e acadar que Xosé Lois Piñeiro leve a voz da Pobra e da comarca do Barbanza ao Congreso.