Un gol de Samuel, pasada a media hora de xogo, puido cun Montañeros que saíu do reencontro de Elviña co fútbol estatal senior sen poder sumar. Os locais tiveron opcións até o remate dun partido bonito de ver, que mantivo a incerteza do signo até o remate.
Golazo de Samu
O Montañeros quixo controlar o partido desde o comezo. Os lanzamentos de esquina de Ogando provocaron as primeiras situacións difíciles para Álex Cobo, que mostrou por arriba que é dos mellores metas da competición.
O Compostela tivo nas botas de Maceira a primeira ocasión para o líder, pero o seu disparo pasou por riba da trabe.
Tamén clara foi a seguiinte dos locais, nun centro de Gaye sobre a herba, que Dani non puido concluír porque se adiantou un defensa do cadro capitalino ao cuarto de hora.
O partido era atractivo e con ocasións. O Compostela tiña un problema de axuste pola súa zona esquerda, pero Secho Martínez corrixiuno cun máis recoñecible 1x4x3x3. Foi a partir do minuto 21, logo que Gaye, a centro de Dani, puxera unha cabezada cruzada perto do marco santiagués.
A melloría defensiva coincidiu co acerto ofensivo nunha mudanza de orientación de Parapar para Adrián. O ribeirense temporizou, buscou unha liña de disparo, optou por ceder para Samuel, que colocou un mísil que supuxo o 0-1.
Até o descanso houbo un disparo de Gueye, detido por Álex Cobo, e un control orientado de Goris que o deixou ante un man a man con Moreno, que sacou o meta.
Bo xogo, resultado incerto.
O Montañeros saíu polo empate tras o descanso. Aos dous minutos, impoñéndose noutro córner sacado por Ogando, Gaye picou e a defensa desviou o remate pola liña de fondo. Un máis tarde, o punta local non chegou por pouco a un centro de Dani.
Moreno estivo áxil para estirarse a un disparo desde a media distancia de Maceira no minuto 55.
Máis fácil foi a de Parapar, que aproveitou un pase coa cabeza de Antón nos tres cuartos. O exterior avanzou con tempo para pensar, pero a súa definición na área foi atallada polo meta corazonista no 57.
Antes da hora, Álex Cobo chapou un centro xute de Barbolla e, a continuación. Balsa xutou por riba da trabe un remate claro tras outro centro desde a dereita do ataque local.
Os dous equipos comezaron a mover os bancos, pero o partido foi correndo como mellor quería o Compostela. O líder repregouse e o Montañeros non atopou espazos.
Só no minuto 88 Diego, nunha cabezada no segundo pau, tivo o empate para os herculinos, malia que a última ocasión foi visitante, nunha subida de Aarín Martínez, cuxo centro, paralelo á liña de gol, non tivo rematador.
O Compostela reforza o seu liderado demostrando en Elviña a súa solidez fronte un rival que lle esixiu esforzo e concentración plena.
Ficha
SÁBADO 13/12/2025 (16,00) Campo: JUAN ACUÑA NAYA (600)
AT. CORUÑA MONTAÑEROS C.F. : 0 – S.D. COMPOSTELA : 1 (0‑1)
COR : Moreno; Achore, Samu, Iago, Unai (Nano Varela 79’), Barbolla; Ogando (Diego 65’), Dani (Juan de Dora 79’), Balsa (Álex Suárez 65’), Cano (Jorge Otero 61’); Gaye. Tre, Jairo Arias. (Banco: Guillermo (g); Longueira; Miguel Real; Carreira).
COM : Álex Cobo; Valín, Uzal, Crespo, Damián; Parapar (Cañi 83’), Goris (Kiko 71’), Antón, Samuel, Adrián (Aarón Martínez 71’); Maceira (Carlos 83’). Tre. Secho Martínez. (Banco: Graumann (g); Mateo; Zubanović; Porrúa; Baña).
Goles: 0-1 Samuel 32’.
Árbitro: Rodríguez Delgado (Galiza-Ourense). Auxiliares: Rodríguez García e Lamelas Belmonte.
Disciplina: CA: Adrián 20’; Ogando 34’; Parapar 35’: Antón 81’; Carlos 90’ / Secho Martínez (tre. COM) 28’ // VD: César Caamaño (tre. gua. COM) 89’.