Pascu quebra a historia e salva os mobles a un Racing C. Ferrol espeso

Un gol de Pascu, na recta final do partido, evitou outro fracaso do Racing na Malata. A historia tamén xogaba na contra, xa que os ferroláns caeran por 0-1 nas tres visitas anteriores do Unionistas ao feudo verde. Álvaro, no primeiro remate entre paus, fixo o 1-0 cando o primeiro tempo camiñaba ao descanso.
Despois pasou o de case sempre, o Unionistas tomou o control e De Busto igualou. Parecía que o Racing non sacaría os tres puntos pois, malia que tivo a súa mellor fase do xogo no derradeiro cuarto, Álvaro errou outro penalti. Pero apareceu Pascu, que levaba tres minutos no campo, e resolveu outro erro clamoroso do dianteiro ilicitano ante Unai.

Que aburrimento!

A primeira parte do partido foi lentísima. O aburrimento foi a constante dun equipo que non era capaz de circular con xeito, que iniciaba e reiniciaba cada ataque sen atopar espazos entre as liñas charras.
O Unionistas era mellor e Jota puido abrir o marcador á contra. Zalaya, no seu mellor partido como defensa, desviou o disparo do visitante ao cuarto de hora. O mesmo fixo segundos máis tarde, cando quen xutou foi De Bustos.
O Racing tampouco se atopaba a si mesmo nas perdas no campo rival. O Unionistas, moi vertical, roubaba e corría máis que os locais. No minuto 30, logo dunha combinación a tres, Pere Marco perdoou cun disparo desde a frontal. O balón pasou a rentes do pau.
O Racing rematou por primeira vez entre os paus no minuto 37. Marchou ao descanso cun cento por cento de acerto porque o pase de Álvaro Ramón foi cabeceado por Álvaro ao fondo da portería.
Zalaya volveu aparecer no minuto de prolongación salvando un disparo de Abde, que viña de roubar un balón perto da banda.

Pascu fai de Álvaro

O Unionistas precisaba que as cousas foran diferentes e o Racing aceptou o rol de esperar, deixando que o balón fora manexado polo equipo salmantino.
O conxunto local xogou á contra e demostrouse que Álvaro xa non é o atacante de hai dúas temporadas. Tivo a primeira do segundo tempo, pero non soubo agochar o lanzamento e Unai sacoullo cun desvío á liña de fondo.
O control visitante deixou pegada á hora de xogo. Álvaro Gómez puxo un centro desde a dereita, ao segundo pau, e De Bustos, de cabeza, buscou o bote no seu remate cruzado tras o que celebraba o empate.
Para a parte final, Pablo López abriu a primeira xanela con dúas substitucións. Nada máis producirse, gozou de dúas ABPs consecutivas. Na segunda, Juanje agarrou na área a Álvaro e Romero Freixas asubiou penalti. O propio Álvaro lanzou ao pau e o balón cruzou a frontal da portería antes de saír pola liña de fondo.
O Unionistas comezou a perder as distancias entre as liñas, atreveuse a querer gañar sen coidar as vixiancias. Aleix Gorjón salvou a un metro da liña de gol o tanto de Escobar, que tras un desmarque de ruptura superara cun golpeo suave a Unai.
Parecía que o Unionistas volvería saír de Ferrol sen perder cando Pablo López fixo as dúas últimas modificacións. A operación saíulle ben. No minuto 88, outro desmarque polo medio, nesta ocasión de Álvaro, deixouno fronte a Unai. O meta salvou o disparo, pero Pascu, un dos que acababa de entrar, colleu o rebote a anotou o seu quinto gol da temporada.
O Racing sigue lento e parece que só xoga motivado por necesidades, como contra o Mérida. Gaña, está segundo, pero non convence. Na bancada hai a sensación que este nivel futbolístico pode dar para xogar a fase de ascenso, pero non dá para subir.
Na próxima semana, contra outro dos conxuntos potentes, o Avilés, fechará un ano que moitos desexarán esquecer axiña polo sucedido na primeira metade do mesmo. Será o domingo no Suárez Puerta.

Ficha

DOMINGO 14/12/2025 (16,00) Campo: A MALATA (4.549)
RACING C. FERROL : 2 – UNIONISTAS DE SALAMANCA C.F. : 1 (1‑0)

RAC : Parera; Leal, Edgar, Zalaya, Álvaro Ramón (Saúl 85’); Peña (Gelardo 68’), Gorostidi, Jairo (Azael 68’); Álvaro Juan (Pascu 85’), Álvaro, Dacosta (Escobar 76’). Tre. Pablo López. (Banco: César (g); Chema: David; Concha).
UNI : Unai; Olmedo, Aleix Gorjón, Farru, Jan; Abde, Juanje, Jota (Roldán 86’); Álvaro Gómez, Pere Marco (Pachón 83’), De Bustos (De la Nava 73’). Tre. Mario Simón. (Banco: Marco (g); Mayor; Iván Moreno; Álvaro Santiago; Juanma; Prada).
Goles: 1-0 Álvaro 37’; 1-1 De Bustos 60’; 2-1 Pascu 88.
Árbitro: Romero Freixas (Cataluña). Auxiliares: Martín Redondo e Buergo González. 4º árb.: Fernández Buergo.
Disciplina: CA: Gorostidi 24’; Peña 58’; Juanje 69’; Pere Marco 80’; Gelardo 89’; Azael 90’.
NOTAS: 70’ Álvaro lanza un penalti ao poste.

Foto: Álvaro Ramón forza a entrada entre Olmedo e Álvaro Gómez. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios