Durante os primeiros meses de 2026 a banda de rap metal actuará en salas de Ferrol, Melide, Santiago de Compostela, Vigo e a Coruña.
Vimbio, a banda galega de Rap Metal, anuncia a súa primeira xira, que arrincarácun percorrido por salas galegas. Tras publicar os primeiros adiantos do que vai ser o seu primeiro traballo discográfico, previsto para comezos de 2026, a banda pon en marcha a xira “Comeza o Xogo”. O punto de partida terá lugar o próximo 7 de febreiro no Pub Gatos (Melide), e con ela confírmanse as datas para o 21 de febreiro na Casa das Crechas (Santiago de Compostela), o 14 de marzo no Centro Social Artàbria(Ferrol), o 18 de abril na sala Kominsky (Vigo) e por último o 2 de maio na sala Mardi Gras (A Coruña).Estas serán as primeiras datas nas que a banda presentará en vivo o seu primeiro disco. As entradas para estes primeiros cinco concertos están xa á venda en enterticket.es.
Este anuncio ve a luz a días dun novo adianto do seu seguinte traballo discográfico. Baixo o nome de “Seres de luz”, a banda lanzará este novo sinxelo o próximo venres 19 de decembro, pechando así un ano 2025 no que se viviu o despegue do proxecto, con diversos lanzamentos de cancións, a colaboración con Hugo Guezeta ou NadieGonzález e concertos por toda Galicia. Desta maneira sentas as bases de cara a un ano 2026 que se prevé incluso mellor, co lanzamento do seu primeiro disco de longa duración, a xira que arrincará en salas e moitas máis actuacións por anunciar.
PRIMEIRAS DATAS DA XIRA “COMEZA O XOGO”
07/02 · Pub Gatos · Melide | ENTRADAS
21/02 · Casa das Crechas · Santiago | ENTRADAS
14/03 · Centro Social Artabria · Ferrol | ENTRADAS
18/04 · Kominksy · Vigo | ENTRADAS
02/05 · Mardi Gras · Coruña | ENTRADAS
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio está a levar a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.