O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar iniciativas no Congreso para reclamar ao Goberno impulsar de maneira inmediata a construción da autovía A-56, que debe unir Lugo e Ourense. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que é unha infraestrutura estratéxica para vertebrar o interior da Galiza e impulsar o desenvolvemento económico e social das comarcas do interior do País.
A autovía A-56 é unha vía planificada hai máis de vinte anos e acumula atrasos que, para a organización nacionalista, son “inxustificábeis”. Cun investimento inicialmente previsto de 525 millóns de euros, apenas foron executados arredor de 50 millóns e só están en servizo 9 quilómetros correspondentes ao tramo San Martiño–A Barrela, aberto no ano 2020 após máis dunha década de obras e períodos de total parálise.
O deputado nacionalista lembra que a única vía que conecta Ourense con Lugo, na actualidade, é a N-540 que se atopa nun pésimo estado de conservación. “O Goberno anunciou unha reforma integral mais aínda non finalizou e quedan moito tramos e moitas zonas que continúan cun estado deplorábel” sinala Rego.
“Estamos diante dunha autovía fantasma, reducida a unha illa sen funcionalidade ningunha, mentres o Ministerio mantén bloqueados o resto dos tramos” denuncia o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Néstor Rego subliña que esta infraestrutura é fundamental para comarcas como Lugo, A Ulloa, Chantada, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos e Ourense, e considera inadmisíbel que, a día de hoxe, os tramos lucenses permanezan completamente paralizados, sen avances nin prazos coñecidos.
Pola súa banda, os tramos nas comarcas de Ourense seguen atrapados en tramitacións indefinidas, coa única excepción da Variante Norte de Ourense, en obras desde hai tres anos.
“O Goberno do Estado debe explicar por que leva máis de dúas décadas sen executar unha infraestrutura chave e estratéxica para o interior da Galiza e por que mantén unha situación de abandono especialmente grave na provincia de Lugo” afirma Rego, quen cualifica esta actitude de “desidia política e falta absoluta de compromiso”.
O deputado nacionalista tamén advirte das consecuencias do anuncio do Ministerio de Transportes de realizar un estudo integral de todo o denominado corredor da A-56. “Esta decisión só serve para alongar aínda máis os prazos, introducir máis incerteza e mesmo pór en cuestión a propia natureza da autovía. O que fai falta non son máis estudos, senón vontade política, orzamento e un calendario claro” subliña.
A través desta iniciativa, o BNG exixe ao Goberno do Estado que saque da parálise administrativa todos os tramos da A-56, que detalle publicamente o estado real de cada un deles e que presente un plan concreto de execución con prazos definidos, priorizando aqueles tramos que dean continuidade ao único actualmente aberto.
“O Ministerio ten a obriga de demostrar un compromiso real que aposte pola cohesión do territorio galego, o reequilibrio territorial e por garantir infraestruturas dignas para o interior do país, sen máis atrasos nin escusas” conclúe Néstor Rego.