As arquitectas Tamara Souto, Blanca Rodríguez-Villasante e María Pilar Cañás exporán os seus traballos de fin de Grao e de Máster.
A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrará mañá xoves, 18 de decembro, o seu Encontro de Nadal 2025. O evento terá lugar ás 19:30 horas na sala de exposicións da Delegación ferrolá (Avenida de Esteiro 129, baixo).
Nesta xornada, as arquitectas Tamara Souto Quindimil, Blanca Rodríguez-Villasante e María Pilar Cañás Ponte realizarán unha exposición dos seus traballos TFG (Traballo Fin de Grao) e TFM (Traballo Fin de Máster).
Tamara Souto presentará o seu proxecto Fin de Máster ‘EX IN TRAMUROS’ dun centro de día residencial e social en Pontevedra co que foi finalista nos 21º Premios COAG deArquitectura na categoría de proxecto fin de carreira. Segundo explica, o programa do centro de día e vivendas colaborativas busca, máis que un lugar pertencente unicamente ás persoas maiores, ser outra parte máis da cidade, dando servizo a todos os habitantes. De igual maneira, destaca que nas vivendas quéreselle dar un certo grao de privacidade aos usuarios, pero ao mesmo tempo posibilitando a vida en comunidade dos veciños. Situado nunha planta baixa, Souto sinala que o centro de día organizarase situando á dereita as áreas públicas de libre acceso e, á esquerda, servindo como enlace o comedor, as áreas privadas dos traballadores. Ademais, indica que ten unha praza central, dividendo a intervención en dous, co fin de non cortar o trazado orixinal da saída ao río da cidade desde a porta de Santa María. Do outro lado da praza, apunta que haberá catro locais comerciais con usos complementarios ao centro de día: un podólogo, un psicólogo, unha cafetería, unha salón de peiteado e unha tenda de alimentación. Nos niveis superiores, estarán as vivendas cun acceso independente desde algunha das prazas.
Blanca Rodríguez-Villasante presentará o seu proxecto ‘Técnica invisible? Tres intervencións no Arsenal de Ferrol, correspondente ao seu fin de Grao. Nel analiza como se integran os sistemas modernos de climatización en tres edificios históricos do século XVIII: a Sala de Armas, o Cuartelillo da Punta del Martillo e o edificio de Herrerías. O obxecto é avaliar como estas intervencións respectaron o valor patrimonial, arquitectónico e funcional dos edificios, adaptándoos a novos usos sen alterar a súa imaxe histórica.
A arquitecta estudou a historia do Arsenal de Ferrol desde a súa fundación ata a actualidade, describindo os cambios estruturais, usos e rehabilitacións. Analizou en detalle a historia, arquitectura, uso actual e as solucións técnicas adoptadas para climatización de cada edificio, avaliando a súas vantaxes e limitacións.
O traballo conclúe que, aínda que as rehabilitación foran respectuosas e tecnicamente eficaces, nalgúns casos perdéronse elementos orixinais ou instaláronse sistemas pouco eficientes ou pouco utilizados, comprometendo a sustentabilidade ou o confort. Non obstante, valórase positivamente o esforzo por conservar o patrimonio e dotalo dunha función moderna, manténdoo vivo e operativo.
María Pilar Cañás Ponte presentará o seu proxecto Fin de Máster, titulado ‘Aloxamento Temporal para Músicos na Curtiduría de Fonte do Ouro, en Santiago de Compostela’. O ámbito de intervención do proxecto delimita no seu extremo norte pola rúa do campo de Santa Isabel e Travesía de Fonte do Ouro no seu extremo sur. Polo leste, coa conca do río Sarela, integrada no parque de Galeras. No interior da parcela atópanse os restos da antiga curtiduría do Campo do Espiño no Río dos Sapos.
A continuación, a xornada finalizará cun aperitivo de Nadal.