Naceu no Vicedo, é profesor de Lingua Galega e hoxe é a voz do nacionalismo no Congreso dos Deputados. Néstor Rego recibe ao equipo de 21noticias na Sala da Cheminea do Congreso cunha axenda clara: Galicia non pode esperar máis. Nun momento de máxima tensión parlamentaria, o voceiro do BNG analiza para a débeda histórica do Estado coas infraestruturas galegas, o polémico proxecto de Altri e o futuro dunha Galiza que, segundo el, ten en Ana Pontón a súa única esperanza real de cambio. Nestor Rego advirte sobre os riscos da posible chegada de PP e VOX á Moncloa, e urxe ao executivo de Sánchez a cumprir os seus pactos pendentes, como a derrogación da Lei Mordaza.
En primeiro lugar, vostede é un dos poucos políticos que sobe ao estrado máis a propoñer que a criticar constantemente aos seus rivais políticos. Que lle parece que no Congreso se estea xerando unha especie de espectáculo circense, onde parece importar máis a mensaxe para redes sociais que a proposta política?
Pois evidentemente é unha forma de degradación da actividade parlamentaria, que ten moito que ver co clima de crispación que se xerou e co esforzo especial que puxeron niso a dereita e a ultradereita, cunha polarización crecente na que, efectivamente, parece que interesa moito máis o ruído que as ideas.
Pero o Bloque Nacionalista Galego é precisamente o contrario. Somos unha forza política que, evidentemente, realiza críticas a aquilo que entendemos que está mal, pero que simultaneamente fai propostas, desenvolve ou desprega as alternativas do BNG para poder facer as cousas doutra maneira. Particularmente en relación coas necesidades do noso país.
Por iso moitas veces, nas intervencións públicas, facemos referencia á idea de que é moi negativo que o Partido Popular en Galiza pretenda imitar ese modelo e importar ao noso país o que xa se converteu na política madrileña, particularmente no Congreso.
Faime graza que se fale de espectáculo, porque cada vez é máis recorrente escoitar ese termo en relación con toda a actividade parlamentaria. Especialmente en relación coas sesións de control ao Goberno dos mércores pola mañá, que efectivamente se converteron xa de por si nun espectáculo moitas veces lamentable.
“A AP-9 xa está máis que pagada”
Non lle chama a atención que agora apareza o Partido Popular como o partido que vai de abandeirado á hora de buscar a liberalización da AP-9, cando durante moitísimos anos que estivo no goberno central e autonómico foron eles os que dalgunha maneira a prostituíron, mentres vostedes eran os que o criticaban?
Forma parte da demagoxia habitual do Partido Popular e do oportunismo do que sempre fai gala. Porque non é só que impedise debates para a transferencia da AP-9 a Galicia, senón que a decisión de prorrogar a concesión da AP-9, que finalizaba en 2023, foi tomada por un goberno do Partido Popular presidido por José María Aznar no ano 2000, que fixo unha prórroga de vinte e cinco anos máis, ata 2048.
É, por tanto, un exemplo de cinismo político e de demagoxia que o PP, autor desa prórroga, cando xa non estariamos pagando a AP-9, pretenda agora erixirse en campión de reclamar que quede libre de peaxe.
Ou o mesmo PP que, insisto, con Ana Pastor á fronte como presidenta do Congreso, impediu en numerosas ocasións o debate de algunhas proposicións de lei do Parlamento de Galicia para a transferencia da AP-9, e que agora chega ao extremo absurdo de criticar ao BNG como se o BNG tivese algo que ver en que a AP-9 aínda non estea transferida.
Pero isto é práctica habitual do PP. A nós o que nos interesa é que exista presión social e política para poñer fin dunha vez á concesión, que a Unión Europea xa declarou ilegal, e que a AP-9 sexa gratuíta, porque xa está máis que pagada.
E para iso non temos ningún problema en coincidir con forzas que actúan con ese grao de demagoxia. De feito, as dúas veces que este Congreso se manifestou maioritariamente reclamando ao Goberno que puxese fin á concesión da AP-9 foi grazas a iniciativas do Bloque Nacionalista Galego, con apoio tamén do Partido Popular e de outras forzas. Agora deberían recoñecer que se equivocaron cando fixeron esa prórroga.
Falando do Partido Popular, vostede como galego tivo durante moitísimos anos de presidente autonómico a Núñez Feijóo. Que consecuencias podería ter tanto para Galicia como para España a chegada de Núñez Feijóo á Moncloa da man de Vox?
Creo que sería absolutamente desastroso. Xa o foi o feito de que estivese durante case quince anos como presidente da Xunta de Galicia, porque foi un período de perda constante de oportunidades, de deterioración dos servizos públicos, de precarización e privatización de servizos esenciais como a sanidade ou a educación, de desatención ao desenvolvemento económico do noso país e de permitir o que hoxe é case un deserto industrial, con peches continuos de empresas e perda de emprego.
Tamén foi un período de ataque á nosa lingua, ata o extremo de que, co famoso decreto do plurilingüismo e outras medidas contrarias á normalización do galego, se logrou que diminuíse o número de falantes.
Non agardamos nada dun goberno de Núñez Feijóo do Partido Popular; todo o contrario, creo que sería moi negativo para Galicia. Xa tivemos a experiencia de presidentes galegos como Mariano Rajoy, que foi un dos peores presidentes do Goberno español para o noso país.
E sería aínda peor se isto se produce da man de Vox. Sería un ataque sistemático á nosa lingua, á nosa cultura e ao pouco autogoberno que temos. O PP non tivo ningún interese en reforzar competencias nin autogoberno nestes anos. Con PP e Vox no Goberno volveríase a políticas de recortes sociais e de deterioración do benestar das maiorías sociais.
Por tanto, non é que non agardemos nada: imos traballar activamente para impedir ese escenario.
“Rueda actúa coma se fose un comercial dunha empresa privada”
O seu substituto, Rueda, parece empeñado na instalación de Altri en Palas de Rei…
Si, actúa de feito coma se fose un comercial dunha empresa privada, que é unha multinacional portuguesa, que quere desenvolver un proxecto que é claramente lesivo para o noso país.
É moi dubidoso que poida crear os postos de traballo directos que dicían que ía crear, incluso despois de ter reducido á décima parte aquela cifra inicial astronómica de cinco mil, e agora xa falan de cincocentos. É dubidoso que cree eses cincocentos postos de traballo, pero en todo caso é moi evidente que drestruiría máis empregos dos que vai crear.
Destruiría postos de traballo que xa existen en sectores que son esenciais para o noso país, como a agricultura, a gandería, a pesca e o marisqueo en toda a ría de Arousa. Mesmo un turismo sostible que se desenvolve arredor do Camiño de Santiago, precisamente nesa comarca da Ulloa e no tramo que vai desde Palas de Rei ata Santiago de Compostela.
Por iso hai unha oposición masiva e maioritaria na sociedade galega a ese proxecto, porque é un proxecto altamente contaminante, que vai incidir aínda máis na eucaliptización. Provocarían a deterioración da calidade do aire, da calidade das augas do río Ulla e, efectivamente, a destrución de actividades e de emprego en sectores consolidados.
Por lo tanto, Rueda poderá empeñarse no que queira, poderá entregarse a unha multinacional portuguesa, pero nós temos a certeza de que o pobo galego vai parar ese proxecto.
Outro problema grave que se está a ver en Galicia agora mesmo é o sistema ferroviario. Ferrol queda fóra do eixe atlántico e Lugo súmase á hora de quedar á marxe da alta velocidade. Que solución propón?
Pois é moi sinxelo —enténdaseme ben, non digo que sexa rápido— pero é unha cuestión de vontade política. Evidentemente fan falta recursos, pero tamén vontade política.
Galicia vén padecendo un déficit histórico en investimentos en infraestruturas e servizos, especialmente no ámbito das comunicacións e moi particularmente no ferroviario, e hai que poñerlle fin a iso. É unha responsabilidade do Goberno español cubrir ese déficit histórico.
Entre outras cousas, hai compromisos concretos, porque estas medidas figuran no acordo de investidura e forman parte dese acordo. A modernización das infraestruturas ferroviarias internas do noso país e a implantación de novos servizos como o de proximidade ferroviaria (cercanías).
Eu participei o pasado día 30 de novembro na manifestación multitudinaria que houbo en Ferrol para denunciar precisamente esa situación de incomunicación e para reclamar máis investimentos en modernización e un transporte ferroviario á altura das necesidades do século XXI.
Espero que o Goberno español escoite ese clamor popular da comarca de Ferrol e tamén da comarca de Lugo. Que escoite a reclamación permanente de suplir esa carencia que temos nesas infraestruturas.
Particularmente en Ferrol, onde a conexión coa Coruña é desastrosa, lentísima, e onde aínda non se construíu o bypass de Betanzos, que permitiría unha conexión máis directa coa Coruña e co eixe atlántico. Tamén a ampliación e duplicación da vía onde sexa necesario, a electrificación, a modernización da liña do norte da antiga FEVE entre Ferrol e Ribadeo, a mellora da conexión entre Lugo e A Coruña —unha vez que xa está case concluída entre Lugo e Ourense—, e tamén a saída sur de Vigo para conectar coa fronteira portuguesa e coa futura rede de alta velocidade en Portugal.
E, como dicía, a implantación das proximidades ferroviarias, porque Galicia é o único territorio con áreas urbanas de máis de medio millón de habitantes que non ten servizo de proximidade. Ese tren de proximidade é fundamental para a mobilidade urbana e para mellorar a vida dos galegos e galegas, polo menos nas áreas urbanas e metropolitanas.
O BNG incluíu isto no acordo de investidura. Parece que está a piques de finalizar agora, a finais de ano, o estudo previo, e por lo tanto agardamos que o ano que vén xa comecen a poñerse en marcha eses servizos de tren de proximidade.
Outro grave problema é a vivenda…
Si, a ver, nós temos propostas que sabemos que serían eficaces, non precisamente as poucas que está poñendo en marcha o Goberno español, que se basean en incentivar fiscalmente aos arrendadores ou en incentivar economicamente o alugueiro xuvenil, porque iso o único que fai —e xa está demostrado— é acelerar a espiral de prezos.
As solucións non son unha soa, por iso falo en plural. É necesaria unha política de vivenda efectiva que poña no mercado vivenda suficiente, a prezo taxado, especialmente en alugueiro.
É verdade que é unha competencia autonómica, pero o Goberno español tamén ten responsabilidade no financiamento e nas medidas que debe poñer en marcha. Por exemplo, ceder todos os inmobles propiedade da SAREB para que a administración competente poida facer esa política de vivenda pública.
En Galicia hai arredor de tres mil inmobles da SAREB, a metade deles xa listos para seren ocupados, e están aí sen ningún tipo de uso, cando hai tantas carencias.
Tamén ceder o solo dispoñible que ten, por exemplo, o Ministerio de Defensa, para polígonos de vivenda pública a prezo taxado, especificamente en alugueiro.
E, por último, por citar unha medida clave a nivel estatal, topar os prezos, é dicir, establecer un límite aos prezos. É a única maneira de garantir o dereito efectivo a unha vivenda digna e, sobre todo, de que a mocidade poida emanciparse, poida alugar unha vivenda, porque tal e como están as cousas hoxe é imposible.
A regulación das vivendas turísticas ten que ser moito máis estrita, porque ten un efecto directo no incremento dos prezos. Comprobámolo, por exemplo, en Galicia, en toda a zona costeira, onde moitas vivendas se destinan a uso turístico por ser máis rendible, e o que se necesita é unha regulación que evite a especulación que acaba impedindo o acceso a unha vivenda digna.
“Aquí o que está pactado hai que cumprilo”:
Está cumprindo con vostedes Pedro Sánchez?
Desde o punto de vista do BNG e dos acordos que ten o Partido Socialista, ou que temos asinados o BNG co Partido Socialista, é dicir, os acordos de investidura, temos que dicir que hai unha parte que está cumprida ou en fase de cumprimento.
Facía antes referencia, por exemplo, a algúns elementos no ámbito dos servizos ferroviarios, como o de proximidade. Evidentemente hai cuestións que levan un certo tempo, como poder facer un estudo previo para ver como se van implantar eses trens de proximidade, pero é verdade que hai outros compromisos aos que aínda non se lles deu cumprimento.
Entre os que figuran nos acordos de investidura, por exemplo —e temos que dicilo con claridade—, a creación de xulgados de violencia de xénero en Ferrol, Pontevedra e Lugo si se fixo, como estaba previsto, pero faltan outros tres: os de Santiago, Ourense e un máis.
Ou, por exemplo, a derrogación da Lei Mordaza. O PSOE, e Pedro Sánchez en particular, comprometéronse xa antes de ser presidente do Goberno a que o mesmo día que chegase ao cargo derrogarían a Lei Mordaza. E sete anos despois non só segue sen derrogarse esa lei profundamente represiva que aprobou o Partido Popular, senón que ademais este foi o Goberno que máis a utilizou.
Son cuestións dificilmente comprensibles, e o que fan é alimentar a decepción e, polo tanto, favorecer o avance da dereita e da ultradereita.
Por iso lle dicimos unha e outra vez ao Partido Socialista que, se quere frear esa ameaza de que poida haber un futuro goberno da dereita e da ultradereita, o mellor que pode facer é cumprir canto antes os compromisos que ten establecidos e poñer en marcha políticas decididas.
Non quedar a medias, non ir arrastrando os pés e non actuar só cando non lle queda máis remedio porque as forzas políticas que podemos articular unha maioría lle presionamos. Aquí o que está pactado hai que cumprilo, e canto antes se produzan as transformacións, mellor.
Diso se trata: de facer políticas transformadoras que favorezan as maiorías sociais. Canta menos demagoxia poida facer a dereita e a ultradereita, menos oportunidades terán de chegar ao Goberno.
Vistas as últimas enquisas, parece que vostedes crecerían nas futuras eleccións autonómicas de Galicia, pero de todas formas necesitarían ao PSOE. Cos últimos escándalos do Partido Socialista, como por exemplo o recente na Deputación de Lugo, cre que isto pode afectar a unha posible maioría?
Creo que é moi pronto para sabelo, agardo que non, en todo caso.
Si é verdade que o Partido Socialista pode verse afectado por estes escándalos, e particularmente en Galicia, porque acaba de suceder na Deputación de Lugo. Iso tamén dependerá de se é capaz de actuar con contundencia e rapidez, apartando a esa persoa de todas as institucións nas que estea, impedindo que continúe como deputado provincial ou como alcalde, ou como alcalde de Monforte, porque ao final iso é o que dá credibilidade a unha forza política.
Pero, en todo caso, é evidente que o Bloque Nacionalista Galego non só é unha forza coherente —e neste caso tamén o demostrou, actuando cunha posición contundente desde o primeiro momento—, senón que é unha forza á alza, unha forza que concita cada vez máis apoios e que a xente ve como a única posibilidade de que haxa unha alternativa real.
Non unha alternancia, senón unha alternativa política real ás políticas do Partido Popular desde o Goberno da Xunta. Esa posibilidade é un goberno encabezado por Ana Pontón, e nós imos traballar para que haxa a maioría suficiente para facelo posible nas vindeiras eleccións.
Ultimamente fálase moito da proposta de Gabriel Rufián sobre facer un partido que reunise a todos os partidos nacionalistas de esquerdas. É verdade que, nas europeas, con Agora Repúblicas, funcionou, chegando a ser a cuarta forza política. Ve posible facer isto de cara a unhas xerais?
A verdade é que desde o BNG non vemos esa proposta, non a vemos en absoluto.
Nas europeas si ten sentido, na medida en que a circunscrición é estatal, e case nos vemos obrigados a utilizar esa fórmula para que haxa unha única candidatura no conxunto do Estado, para que non haxa competencia entre forzas soberanistas, senón cooperación, e para que ningún voto que poida ir a esas forzas se perda.
Pero no caso dunhas eleccións xerais a circunscrición é provincial. Iso quere dicir que para o BNG unha posible coalición con Esquerra ou con calquera outra forza non achegaría nada no caso de Galicia.
E se se pensa en integrar forzas da esquerda estatal, sinceramente tampouco. O BNG ten moi claro o principio da autodeterminación e da autoorganización. Demostrámolo incluso nos momentos máis complicados.
O que imos pedir á cidadanía galega é que apoie decididamente unha alternativa que non só sexa un muro de contención fronte á dereita e á ultradereita, non só unha forza que promova transformación social e dereitos sociais, senón a única que garante ser a voz dos intereses de Galicia e de todos os galegos e galegas.
Para pechar, voulle dicir uns nomes e dígame o primeiro que lle veña á cabeza:
Alfonso Rueda.
A nada para o noso País.
Pedro Sánchez.
Resiste, pero non é suficiente.
Ana Pontón.
A esperanza de que poida haber unha alternativa para Galicia.
Yolanda Díaz.
Unha gran decepción para moitos galegos e galegas.
Núñez Feijóo.
A antítese do que Galicia precisa.
Miguel Tellado.
Creo que xa o definín unha vez, e vou usar o mesmo termo: un rottweiler.
E por último, Juan Carlos I.
Home, o campechano… O pasado, o anacronismo, a corrupción. Juan Carlos sabería moitas cousas.
Moitas grazas.
A vós.![]()