Onte, 19 de decembro, o colexio Salesianos A Coruña celebrou a actividade Panxoliñas Bosco Tour, unha iniciativa coa que todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria levou a música e a ledicia do Nadal ás rúas do barrio.
O alumnado, dividido en catro grupos nos que se mesturaron diferentes clases e idades, saíu entre as 10.30 e as 12.30 horas a distintos puntos da contorna para cantar panxoliñas. As familias foron convidadas a acompañar aos nenos e nenas nos distintos espazos, facendo da actividade unha experiencia compartida e participativa.
Algúns dos lugares nos que soaron as panxoliñas foron o Campo de Marte, a Igrexa de San Nicolás, a Praza da Galera, a rúa do Socorro, a Igrexa Castrense e o Mercado de San Agustín, entre outros. A actividade foi acollida con grande ilusión tanto polo alumnado como pola veciñanza, converténdose nun auténtico éxito.


Xa pola tarde, o alumnado de infantil e primaria reuniuse nunha celebración de Nadal na igrexa, na que se deu grazas polo trimestre vivido e se abriu a última ventá do Advento, pechando simbolicamente este tempo de preparación.
Como broche final á xornada, á saída da celebración compartíronse as badaladas coas familias, creando un fermoso momento de convivencia e encontro que reforzou os lazos entre escola e familias.
Unha xornada chea de música, emoción e espírito de Nadal que quedará na memoria de toda a comunidade educativa.