O portavoz do Grupo Municipal Socialista e alcaldable do PSOE en Lugo, Miguel Fernández, comprometeuse a abordar a partir do vindeiro mes de maio a renovación da Praza Roxa e a súa contorna, incluído o parque infantil. O anuncio realizouse tras unha xuntanza de traballo coa veciñanza e a directiva da Asociación Terras de Fingoi e Magoi.
Durante a visita ao barrio, Fernández recolleu as demandas prioritarias do colectivo, centradas na modernización do mobiliario urbano, a mellora dos percorridos peonís, a accesibilidade, a iluminación e a actualización das áreas de lecer e equipamentos deportivos.
Relevo xeracional e proxecto de barrio
O candidato socialista destacou que Fingoi se converteu nun ámbito de atracción para familias novas e puxo en valor o modelo de transformación urbana promovido nos últimos anos. «Queremos actuar na Praza Roxa e nos seus accesos para adaptar este espazo central ás necesidades reais do barrio, coidando o que xa temos e recuperando áreas públicas para persoas de todas as idades», aseverou Fernández.
O dirixente do PSOE asegurou ademais que os detalles do proxecto se deseñarán en contacto directo coa asociación veciñal para garantir que a intervención responda aos estándares de calidade fixados para os distintos barrios de Lugo.