Santamaría é o demo do Racing en Avilés

El Racing fechou o ano cunha derrota en Avilés. Como en Baracaldo, o equipo non foi quen de manter a vantaxe inicial lograda cun gol de Álvaro. Os locais atoparon en Santamaría ao seu salvador. Antes do descanso anotou o empate, e logo, cando tiña máis folgos que ninguén, no prolongamento do partido, serviu a Cueto, nacido para marcar con poucos minutos de xogo, para que asinara a virada dos industriais nun partido intenso que debeu rematar en empate.

Sete saques de esquina en contra

O Racing quixo impoñerse nos primeiros intres do xogo con rápidas recuperacións e distribuíndo o xogo por ambas bandas. Nunha acción vertical, logo dun córner en contra, Álvaro disparou por primeira vez entre os paus logo que Dacosta armara a contra e servira ao ilicitano. Álvaro chapou tirándose ao chan. Cumprírase o minuto catorce.
Pola contra, o Avilés procuraba solucións abrindo ás bandas para o centro e remate.
Dun absurdo saque de banda racinguista saíu o primeiro disparo local. Roubou Santamaría e executou Gete, pero Parera detivo o potente disparo.
Os de Pablo López devolveron o erro cun acerto en acción de Leal desde a propia banda dereita. O lateral viu o desmarque de Álvaro ás costas de Babin e regaloulle un pase elevado para que aloxara o balón na meta a un toque.
O Avilés explotaba os seus lanzamentos de banda e no minuto 32 fixo esforzar a Parera nunha prolongación. O meta estirouse para salvar a chilena de Santamaría. Pouco despois, Babin atrapallou a Parera no centro dunha falta sacada nos tres cuartos do ataque local, pero a defensa ferrolá foi quen de afastar o balón sen dono na área.
Os locais apertaban e sacaron o mellor de Parera noutra contra pola dereita de Raúl Rubio. O exterior cedeu a Gete, o ex canteirán do Santander xutou cruzado e o meta racinguista desaxustou o tiro metendo as luvas para desviar a córner. A presión local mantíñase. No seguinte ataque, Parera rexeitou a cabezada de Santamaría desde o corazón da área.
O gol local tiña que chegar e partiu do sétimo saque de esquina. Babin non acertou no prolongamento de Adri Gómez, pero puido colocar o balón desde o segundo pau para que Santamaría, en boca de gol, só tivera que empurrar no minuto 42.
Na última xogada do primeiro tempo, Gorostidi estivo a piques de marcar nun córner ao segundo pau. A súa cabezada bateu no poste e o colexiado sinalou o camiño dos vestiarios.

O Avilés vira no prolongamento

Ao minuto do segundo acto volveu a achegarse o Racing. Álvaro Ramón fixo todo desde o medio do campo até as proximidades da frontal da área e serviu para o desmarque de Álvaro, que xutou contra o lateral externo da rede.
No segundo minuto, nin o punta, nin Álvaro Juan alcanzaron o centro do lateral esquerdo, aínda que o meta local debeu desviar para evitar o gol.
O partido corría dun lado para o outro. Álvaro detivo o disparo de Dacosta, que puido fintar a Guzmán dentro da área. En nove minutos, o Racing xa levaba tantos xutes como en todo o primeiro tempo.
O cadro galego demorou dez minutos en sumar unha nova ocasión. Saíu dunha xogada en campo propio de Azael e continuou pola dereita. Leal entrou na área, sentou ao seu marcador e pasou a Dacosta, na frontal da área pequena, que non conseguiu conectar ben co coiro e mandouno moi desviado.
O Racing tiña o dominio e as chegadas pola esquerda. No minuto 75, Gorostidi voleou perto do pau desde fóra da área.
O xogo volveu equilibrarse nos últimos minutos, con remates fóra de paus nas dúas metas. Pablo López, que estivo uns minutos con dous dianteiros natos, recompuxo o once cando Álvaro estaba esgotado.
O Avilés remontou no primeiro minuto da prolongación. Santamaría subiu con fora pola dereita, puxo o balón para Cueto, que esperaba na frontal da área pequena, e o mellor goleador avilesista cruzou o 2-1. O atacante local é quen máis goles marca en menos minutos. Saíu para colocar un disparo eficaz, o único dos locais entre os paus durante o segundo tempo.
O Racing, malia non xogar un mal partido, continúa deixando dúbidas fronte aos equipos da parte alta e cae da segunda posición.

Ficha

DOMINGO 21/12/2025 (18,15) Campo: ROMÁN SUÁREZ PUERTA (5.000)
R. AVILÉS IND. C.F. : 2 – RACING C. FERROL : 1 (1‑1)

AVI : Álvaro; Guzmán (Campabadal 56’), Babin, Granero, Víctor; Gete (Raúl 71’), Adri Gómez, Cayarga (Cueto 82’); Raúl Rubio (Quicala 82’), Santamaría, Kevin. Tre. Dani Vidal. (Banco: Nando (g); Julio; Osky; Eze; Pablo Álvarez; Isi Ros; Yasser; Natalio).
RAC : Parera; Leal, Edgar, Zalaya, Álvaro Ramón; Gelardo, Gorostidi, Pascu (Escobar 73’); Álvaro Juan (Azael 59’), Álvaro (Saúl 84’), Dacosta (Concha 73’). Tre. Pablo López. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Chema; David; Jairo).
Goles: 0-1 Álvaro 27; 1-1 Santamaría 42’; 2-1 Cueto 90’.
Árbitro: Pozueta Rodríguez (Cantabria). Auxiliares: Álvarez Borbolla e Campelo Núñez. 4º árb.: Vega Portilla.
Disciplina: CA: Zalaya 49’; Víctor 88’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios