UGT Sanidade denuncia publicamente a situación especialmente preocupante que atravesa a residencia xeriátrica Alvi Beade, situada en Vigo, como consecuencia dunha grave e persistente escaseza de persoal que está a afectar de maneira directa e visible á calidade da atención que reciben as persoas maiores residentes.
A insuficiencia de efectivos está a provocar atrasos significativos en tarefas básicas esenciais, como a hixiene diaria, a mobilización das persoas usuarias ou a correcta administración das comidas. Esta situación está a xerar un funcionamento claramente por debaixo dos estándares mínimos esixibles nun centro asistencial, comprometendo tanto o benestar como a seguridade das persoas residentes.
O deterioro da organización interna e do ritmo de traballo é xa evidente e mantense no tempo, o que acendeu todas as alarmas entre o persoal e a representación sindical. A sobrecarga laboral e a falta de reforzos están a derivar nunha atención desbordada, co conseguinte risco para as persoas residentes e para as traballadoras.
Esta denuncia conta co consenso do Comité de Empresa da residencia, quen, tras numerosas reunións mantidas coa dirección, constatan a negativa reiterada da empresa a contratar persoal suficiente e a imposibilidade de acadar un acordo que garanta unha atención digna e segura.
Ante esta situación, UGT Sanidade esixe unha actuación inmediata por parte da empresa para solucionar o grave problema de falta de persoal na residencia Alvi Beade de Vigo, incorporando os recursos humanos necesarios que permitan restablecer unhas condicións asistenciais adecuadas e respectuosas cos dereitos das persoas maiores e do persoal.
UGT advirte que, se a empresa mantén a súa actitude, continuará coas denuncias emobilizacións necesarias ata que se adopten medidas reais e efectivas que poñan fin aesta situación insostible.