Hai exactamente un mes a plataforma Arteixo Futuro denunciou o “paseo” de ratas polas rúas do núcleo “capitalino”, unha circunstancia que alertaba como algo cada vez máis habitual.
Agora o think tank local ven de advertir da presenza constante dos roedores nas rúas de Meicende, onde saen en grupo na procura de alimento que, ás veces, atopan en colectores do lixo mal pechados ou con residuos no chan, ou da alimentación inaxeitada dos gatos comunitarios desta zona.
Precisamente unha das alegacións que ven de rexeitar o PP para aprobar o Orzamento de 2026 plantexaba a incorporación dunha partida de 35.000€ para establecer un plan de control responsable dos gatos comunitarios con esterilización e alimentación controladas.
No seu momento plantexaban unha necesaria implicación do Concello no desenvolvemento de campañas para sensibilizar á veciñanza, e no impulso dunha nova estratexia de limpeza viaria que podería incluir baldeos con carácter trimestral ou reforzo das horas de traballo coa contratación de máis persoal para adscribilos aos diferentes núcleos do municipio.
A isto súmase a presenza de deposicións caninas sen recoller, unha práctica irregular que pode ser sancionada con ata 500€ pero que non está a ser abordada polo Goberno local coa normativa na man. Neste senso Arteixo Futuro propón combinar a concienciación coas multas disuasorias, un elemento que adoita funcionar cando existe reiteración nesta conducta noxenta.
Qué é Arteixo Futuro?
Xurde como plataforma veciñal para plantexar ideas e propostas que permitan mellorar Arteixo e o conxunto dos seus núcleos habitados. Primeiro nunha contorna dixital, cunha comunidade de ducias de veciñas e veciños, tamén persoas traballadoras no municipio.