O Portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou á entrada do último pleno do ano que o Partido Popular só busca «conseguir o goberno da Deputación», e destacou que ao PP «non lle importan as vítimas». Arroxo destacou o caso Baltar, «acusado por asuntos moi graves e incluso con gravacións, que foi premiado polo PP cun posto no Senado».
«Parece dunha hipocrisía absoluta e queda claro que o que lle importa ao Partido Popular non son as vítimas, porque senón pedirían unha inmediata dimisión do señor Baltar en vez de premialo no Senado», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «o que lle importa ao PP é conseguir o goberno da Deputación a toda costa, as vítimas danlles absolutamente igual». Arroxo afirmou que o BNG presentou unha emenda ante a moción do PP poruque, segundo indicou Arroxo, «cremos que é importante que se aclare este debate».
Rubén Arroxo anunciou tamén que no último pleno do ano 2025 aprobarase a ordenanza da zona de baixas emisións, que vai poder permitir regular os accesos ao casco histórico unha vez que se poñan a funcionar nos vindeiros meses as cámaras lectoras de matrícula.