O videoclip de O Talentiño xa é candidato oficial aos Premios Mestre Mateo 2026

O videoclip da sintonía do concurso O Talentiño, cuxa presentación á edición 2026 dos Premios Mestre Mateo fora anunciada hai uns meses polo seu equipo, figura xa como candidato a estes galardóns tal e como veñen de publicar os organizadores nas redes sociais do Talentiño.

Esta candidatura supón un novo impulso para O Talentiño, unha iniciativa dirixida ao público familiar e infantil que aposta pola visibilidade do talento da rapazada máis nova.

O proxecto continúa deste xeito a consolidarse como unha cita cultural de referencia. O pasado ano celebrou a súa terceira edición no Teatro Jofre de Ferrol, cun destacado éxito tanto de público como de participación: preto de 500 persoas asistiron ao Jofre para seguir o concurso en directo, mentres que arredor dun centenar de participantes formalizaron a súa inscrición, confirmando o crecente interese e a excelente acollida do certame.Unha sintonía orixinal cun sólido equipo creativo e técnico.

O videoclip da sintonía que concorre aos Premios Mestre Mateo destaca por unha proposta musical orixinal e unha realización audiovisual dinámica, froito do traballo conxunto dun equipo de profesionais vencellados ao panorama cultural e audiovisual galego.

A música está asinada por Lucía Pérez, cantante eurovisiva, xunto a Xabier Vizcaíno e Joaquín Enríquez, músico ferrolán. A letra da canción é obra de Antón Cortizas, recoñecido escritor ferrolán. A parte técnica correu a cargo de Alex Uzal (Filmate), responsable da gravación e edición do videoclip.O equipo de produción contou coa colaboración de Chelo Carballal, José María Losada e Eva Amboage como axudantes de produción.

O son en directo foi realizado por Andrés Bereijo e Javier Castro, mentres que a fotografía foi responsabilidade de Verónica Crespo.

A inclusión do videoclip da sintonía de O Talentiño como candidato aos Premios Mestre Mateo 2026 reforza a proxección do proxecto dentro do sector audiovisual galego e pon en valor o talento creativo e técnico das persoas que fixeron posible esta produción, que o vindeiro ano sumará a súa cuarta edición.

Comparte éste artículo
No hay comentarios