Coordinador de UCIN Galicia
Xa non podo calar. Como cidadán galego e como representante social, síntome na obriga moral de denunciar o deterioro alarmante que estamos a sufrir na sanidade pública e no sistema educativo en Galicia. O que durante anos foi motivo de orgullo colectivo, hoxe é un xigante con pés de barro, debilitado por decisións políticas que priorizan o negocio fronte aos dereitos da maioría social.
O sistema sanitario español chegou a ser considerado un modelo de éxito. Porén, tras anos de recortes e empobrecemento estrutural, os indicadores amosan unha realidade preocupante. En Galicia, esta situación é especialmente grave na Atención Primaria: consultas saturadas, PAC desatendidos en momentos clave, gardas de 24 horas que esgotan aos profesionais, falta de pediatras e familias obrigadas a percorrer quilómetros para recibir unha atención básica.
Non se pode falar de atención sanitaria digna cando médicos e enfermeiras traballan en condicións que rozan a extenuación. As urxencias hospitalarias colápsanse, as listas de espera medran e a cidadanía sente, cada vez máis, que o sistema non responde. Este abandono non é casual: é o resultado dunha política continuada de parches que leva anos debilitando a sanidade pública e empurrándonos cara á privada.
A Xunta de Galicia financia unha parte significativa das estancias hospitalarias privadas, consolidando unha externalización encuberta dos servizos. O epidemiólogo Richard Wilkinson, referencia mundial en saúde pública, advertiu con claridade que “as sociedades máis desiguais teñen peores resultados en saúde, educación e benestar”. O que estamos a vivir en Galicia confirma esa afirmación: cando se debilita o público, medra a desigualdade e quen máis perde é quen menos ten.
Hai datos que deberían facer reflexionar profundamente. Máis da metade dos parlamentarios das cámaras autonómicas contan con seguro médico privado. Esta realidade provoca unha desconexión evidente coa experiencia diaria da maioría da poboación e reduce os incentivos reais para defender e mellorar o sistema público.
No ámbito educativo, o panorama tampouco é alentador. A taxa de abandono escolar temperán segue a ser un problema grave. Falta investimento, faltan recursos e sobra abandono institucional. Como dicía Nelson Mandela, “a educación é a arma máis poderosa que podemos usar para cambiar o mundo”. Sen unha educación pública forte, Galicia perde presente e futuro.
Necesítanse de maneira inmediata máis recursos para cubrir os déficits acumulados, mellores condicións laborais para reter talento e unha aposta decidida pola xestión directa dos servizos públicos. É imprescindible recuperar o papel central da Atención Primaria, reforzar os hospitais e dignificar o traballo dos profesionais que sosteñen o sistema con esforzo e vocación.
A sanidade e a Educación non se defenden soas. Deféndense coa voz da xente, coa presión social e coa esixencia democrática de servizos dignos. O que está en xogo non é só a calidade dun sistema, senón o tipo de país que queremos ser. Se renunciamos ao público, renunciamos á igualdade. E Galicia non pode permitirse perder o que tanto custou construír.