O sainete de San Marcos: Unha «reprobación» con palio e unha comparsa que non desafina

Hai que recoñecerlle a José Tomé unha virtude, a súa capacidade para converter unha saída pola porta de atrás nunha sorte de via crucis onde el, lonxe de ser o acusado, é o máis puro dos mártires. Na súa despedida da Deputación de Lugo, rodeado dunha aura de «honra institucional» que el mesmo se autoconcedeu, asistimos a un espectáculo de funambulismo político que deixaría a calquera circo en ridículo.

Os discípulos da lealdade cega

O máis rechamante da xornada non foi o discurso de Tomé, unha mestura de victimismo, ataques a «mans negras» supraprovinciais e un «non me podo despedir sen dicir que son inocente», senón o papelón do grupo provincial socialista.

Resulta insólito, por non dicir estupefaciente, ver como os deputados do PSOE votaron en bloque en contra da reprobación do seu ata agora xefe. Un exercicio de «lealdade» que os deixa, ante unha opinión pública que observa con estupor as denuncias de acoso sexual, literalmente en pañais. Parece que en Lugo o código ético do PSdeG-PSOE ten cláusulas de exclusión se o xefe aínda conserva o mando do mando a distancia.

Máis que deputados, comportáronse como gardas de corps dun sistema que se resiste a caer. Todo sexa por non «tensionar», por garantir que a «silla non mude de cor» e por seguir as directrices dun Tomé que, aínda que se vai ao grupo de «non adscritos», segue a mover os fíos dende o seu baluarte de Monforte mentres a dirección de Gómez Besteiro observa o incendio dende unha prudente (e sospeitosa) distancia.

O BNG: A comparsa indignada que pon a alfombra

E que dicir do BNG? Os nacionalistas, sempre tan prestos a levantar a bandeira da ética e o feminismo, exerceron nesta función o papel de comparsa necesaria. Din sentir «asco e repulsión», non participan na foto oficial para salvar os mobles, pero ao final do día, a maquinaria segue engraxada.

Efrén Castro e os seus compañeiros xogan a ese equilibrismo de «estou pero non estou»: votan a reprobación para a galería, pero manteñen o pacto para que a roda siga xirando. Unha actitude que máis que coherencia, amosa unha fascinante capacidade para convivir co que din detestar, sempre que a moqueta de San Marcos siga baixo os seus pés.

Mentres Tomé se despide pedindo «rigor informativo» e Feliz Ano 2026, por debaixo da mesa xa voan os coitelos. As chamadas de fin de semana e os encontros discretos a poucos quilómetros de Lugo non son para salvar a honra da institución, senón para decidir quen será o próximo en sentar na cadeira.

O obxectivo está claro: colocar a alguén que sirva de muro de contención, que bloquee aos críticos de Besteiro e que manteña a estrutura provincial baixo o mesmo réxime de ferro, pero con outro rostro. A loita pola Deputación é, en realidade, a batalla pola supervivencia dun aparato que hoxe, ao votar en contra de reprobar ao seu líder caído, demostrou que prefire o afundimento colectivo antes que soltar a man de quen os dirixiu.

O dano está feito, si, señor Tomé. Pero non só o que vostede di; o dano é para a credibilidade dunhas siglas que hoxe decidiron que o «respecto absoluto» do que vostede presume se aplica mellor entre compañeiros de escano que coas presuntas vítimas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios