Verín acollerá a súa primeira San Silvestre popular o vindeiro 31 de decembro

O vindeiro 31 de decembro, Verín contará cunha nova proposta deportiva para despedir o ano. O Club Val do Támega organiza a I San Silvestre de Verín, unha quedada aberta para correr en grupo, sen clasificacións nin tempos oficiais. A iniciativa conta coa colaboración do Bar Enredo, que funcionará como punto de partida e regreso da actividade.

Inspirada nas tradicionais San Silvestres e noutras fórmulas de social run que se celebran noutras cidades, a proposta aposta por un formato accesible, no que cada persoa pode escoller distancia e ritmo, co acompañamento do club durante todo o percorrido.

A xornada arrincará a partir das 11.30 horas, cando as persoas asistentes comezarán a xuntarse na terraza do Bar Enredo para coller folgos para a ruta. A actividade estruturarase en tres saídas diferenciadas segundo distancias e ritmos, co obxectivo de facilitar que cada quen escolla a opción que mellor se adapte ás súas posibilidades. A primeira saída terá lugar ás 12.00 horas, cun percorrido duns 9 quilómetros que chegará ata Tintores. Ás 12.10 horas sairá o segundo grupo, cun trazado de 5 quilómetros ata Vilela, e ás 12.20 horas farase a terceira e última saída, cun percorrido máis curto ata A Pousa (3km). Cada un dos grupos estará guiado por membros do Club Val do Támega, que acompañarán o percorrido e indicarán o camiño ás persoas que non coñezan o trazado.

A actividade concíbese como unha quedada de fin de ano para correr en grupo, desfrutar do deporte en compañía e despedir o ano dun xeito diferente, sen vocación competitiva. Non será necesaria inscrición previa e cada quen poderá sumarse ao percorrido que mellor se adapte á súa condición física.

Esta San Silvestre é un convite aberto a quen se anime a saír á rúa, incluso con disfraces de Nadal, para despedir o 2025 como máis nos gusta: correndo un pouco e compartindo o momento» sinalan os promotores da idea.

O Club Val do Támega

O Club Val do Támega é unha entidade deportiva de recente creación en Verín que ten o atletismo como eixo principal, cunha visión aberta tamén a outras disciplinas como o ciclismo e a natación. O club xorde da iniciativa dun grupo de veciños e veciñas da vila que decidiron organizarse para impulsar a práctica deportiva a nivel local, cunha atención especial ao traballo de base e á formación.

Entre os seus primeiros proxectos destaca a posta en marcha dunha escola de atletismo dirixida a nenos e nenas de 4 a 15 anos, con grupos reducidos e horarios adaptados. Os adestramentos comezaron no mes de outubro no Pavillón Municipal de Verín, consolidando así unha aposta estable polo deporte desde idades temperás.

Comparte éste artículo
No hay comentarios