José Luis Calo (UCIN) esixe «liberar» a TVG e Radio Galega do secuestro político da Xunta e democratizar o ente público

O voceiro de UCIN Galicia, José Luis Calo, reclama unha transformación profunda e inmediata na xestión da antiga Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG), agora CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia),  José Luis Calo instou á Xunta de Galicia a «cesar de inmediato o control férreo e partidista» que, ao seu xuízo, asfixia a pluralidade dos medios públicos galegos.

Para o líder de UCIN Galicia, a situación actual da televisión e radio autonómicas é «insostible» e afástase da súa misión fundacional de servizo público. Calo sinalou que a manipulación informativa e o uso dos medios como ferramentas de propaganda política están degradando a confianza dos galegos na súa propia televisión.

A TVG e a Radio Galega debe ser a casa de todos os galegos, non o gabinete de prensa do partido de quenda. Esiximos un xiro de 180 graos onde prime o criterio profesional e a obxectividade por riba do carné político«, afirmou José Luis Calo.

Desde UCIN Galicia propoñen unha serie de medidas urxentes para democratizar o ente público:

  • Elección por consenso: Que a dirección da CRTVG sexa elixida por consenso no Parlamento, garantindo un perfil profesional e independente.
  • Consello de Informativos: Reforzar a independencia dos xornalistas para evitar presións dos «enchufados» polo Partido Popular controlando a elaboración de noticias.
  • Transparencia orzamentaria: Un control máis rigoroso do gasto público para asegurar que cada euro investido se destine a xerar contido de calidade e apoio ao sector audiovisual galego, nunca para favorecer as produtoras dos amigos e persoas afíns ao PP.

Calo concluíu advertindo que UCIN Galicia non deixará de denunciar calquera intento de utilizar o erario público para beneficiar estratexias electorais. «É hora de devolverlle a voz aos profesionais do medio e a dignidade a unha institución que é patrimonio de todos os galegos».

Comparte éste artículo
No hay comentarios